Xaque á raíña...

A chegada do bo tempo reactiva o noso entorno natural facendo que se revolucione por completo estourando en mil e unha cores a través das flores dos campos da nosa prezada Galicia. A primavera o sangue altera e tamén a actividade dos insectos polinizadores, como as abellas, así como os seus depredadores naturais como é o caso da bespa asiática, a terrible velutina.
Hai anos que temos constancia desta invasión aérea que ameaza non so con deixar a Galicia sin a principal fonte de polinización que acabe por converter en froito a capacidade fértil das principais plantas salvaxes, senón tamén as de aproveitamento humano como as prezadas viñas enxendradoras da uva que darán paso, tras o traballo experto dos adegueiros e viticultores, ao Príncipe dos Viños.
En Galicia e España temos unha tradición de resposta por parte da administración pública que poderiamos cualificar cando menos como “lenta” e “tranquila” cando non como ineficaz e ineficiente sobre todo ante problemas que non por non terse longamente advertido, acaban tendo a prioridade debida.
Estando así, a anecdótica presenza da velutina de hai uns anos estase a converter, co paso do tempo, nunha evidencia problemática  que lonxe de se erradicar vai camiño de se asentar para sempre.
A visión ocasional de niños de bespa asiática nos campos galegos mudouse a unha cotidianidade absoluta e casi podemos dicir que non hai ningún lugar da nosa comarca onde non sexamos quen de sinala-la existenza dalgún destes artefactos con forma esférica que pendure na parte superior dalgunha árbore. 
Apicultores e colectivos ecoloxistas concienciados da necesidade de poñer freno a este grave problema, hai tempo que levan ensaiando métodos, trampas e artiluxios, máis ou menos ocurrentes, para deter o avance dunha auténtica praga na que se está a converter a velutina non só polos serios danos que están a ocasionar ás abellas do país senón tamén pola perda económica que esto supón para o sector do mel e, a curto e medio prazo, tamén para o froiteiro e o viticultor que verá moi mermada a capacidade produtiva do campo galego.
Estes días estanse poñendo en marcha distintos dispositivos de loita contra esta praga, dignos de mención, como é o caso da campaña que están a executa-los servizo de Emerxencias do Grove onde levan xa eliminadas en apenas dous meses nada máis e nada menos que 3.000 raíñas desta especie Ano que podemos chamar un auténtico xaque á raíña, ou non?

Xaque á raíña...

Te puede interesar