A pintura de Lodeiro

A galería José Lorenzo ofrece unha selección de obra do pintor Xosé Telmo Lodeiro (Vigo 1930-1996)), un dos nosos máis extraordinarios pintores, cuxa persoalísima linguaxe plástica caracterízase polos harmónicos campos de cor compostos como orografías prismáticas de diáfanas reverberacións, e por un declarado simbolismo formal no que a irradiada luz é a gran protagonista. Trátase dunha luz que o transfigura todo, que converte o mar nunha acougada planicie para navegar ultramares, que transforma a terra nunha transubstanciada materia de douradas chairas, e fai do ceo unha anceiada porta cara altísimas e puras dimensións ou un branco seo que se abre en abano de graduados azuis para acoller os máis limpos soños dun alma liberada. Lodeiro falaba e vivía coma un apaixoado ser humán, pero pintaba coma un místico e a súa obra ten vibracións da pitagórica música das esferas e cantos de ave viaxeira con azas xeometrizadas. Pois a xeometría -da que Pitágoras decía que era sagrada- proporcionoulle o rigor compositivo sen sometelo a un racionalizado  esquematismo. 
Para él, paralelas superpostas en vermellos, alaranxados ou de cor esmeralda eran sucos no ar de exquisitas gradacións tonais, que facían levitar as chairas; eran cristalinas franxas azuis, violáceas, amarelas que esparexían o firmamento cara aléns invisibeis, remotos infindos ou futuros galácticos; os solpores nas Rías Baixas facían acesos semicírculos de grandioso alento cósmico; e o horizonte era sempre esa enigmática raia que chamaba cara o outro lado.Todo na súa obra, aínda a que está pintada coas cores máis quentes, aparece rexida polo aire e ten aberta música de espazo, pero ten tamén outra calidade do aire: o silencio, un inmenso e acougado silencio vibrante. Así o recoñecía él, nunha entrevista de 1974:” O silencio lumínico desborda a propia realidade...Na orde pura das cousas e dos feitos, as formas, a luz, a cor, fusiónanse nunha mestura chea de notas musicais”. A mostra que nos ocupa iníciase no ano 71, con obras como “Autopista con signo do zodíaco” ou “Porta de luz”, nas que xa se sinte a chamada da luminosidade, pero aínda aparece atrapada en estructuras do plano. É nas catro pezas da serie “Futuro”, de 1982, onde xa podemos ver esa magnífica eclosión de irisadas e rítmicas luminarias que semellan prometer a paradisíaca fusión co universo, pero tamén deixan, as veces, o desasosego da presencia de monolíticas cidades. 
Hai tamén Paisaxes de fins dos 80, na mesma liña que as obras anteriores. E completan a exposición un grupo  de voluminosos persoaxes, con aire de xigantescos tótems que lembran paisaxes antropomórficas, algúns levan o nome de Mutantes e son como alieníxenas de ampulosas formas globulares que se dixeran feitos de inflada e polícroma luz; o Lodeiro visionario está enteiramente ahí. Poeta tamén da palabra, cantárono os poetas:Cunqueiro, Xohana Torres, Blanco Amor, Oroza, Méndez Ferrín...; agora vai polo alén “...coa caixiña das cores sementando lumieras...”.

 

A pintura de Lodeiro

Te puede interesar