Exposición de Artby´s en Abanca

Agalería Artby´s ofrece, na sede de Afundación, a mostra 3DD9, na que nove escultores dan fe da vitalidade e da variedade formal e temática que vive a arte das tres dimensións en Galicia. Son nove obras que atestiguan do dominio do oficio, do rigor formal e do rico imaxinario destes creadores, capaces de facer que a madeira, a pedra, o metal, a cerámica... se dobleguen para configurar pezas rotundas, algunhas con craras raíces na nosa longa tradición artesanal e constructiva do homo habilis, pero dentro dunha linguaxe de grande modernidade, no que a figuración e a abstracción se dan a man. 

E aínda que os prantexamentos conceptuais son dispares, todos abordan aspectos que concernen á condición humana. Así, a soberana forza do erotismo, capaz de conmover o escuro seo da terra, é expresado por David Hadom, na súa peza “Into your G” que representa a unha mociña curvándose en éxtase no intre da culminación amorosa. 

Da necesidade de comunicación e de diálogo entre humanos falan as dúas estilizadas figuras de aluminio cobrizo da obra “Dime” de Julio Sanjurjo, na que un rapaz aparece enfrontado á alta figura dun home que o acolle para escoitalo. “Evasión” de Juan José Lomarti representa a alguén que se aílla tras dunha pantalla da que saen fíos de cor, quizáis para non ver a onde o leva o poderoso e violento carromato que parece tirar por él. 

Unha pedra de duro seixo é o material da talla de José Manuel Castro e que, -como xa é habitual no seu quefacer-, aparece milagrosamente domeado e transformado ata configurar lisas e agarimantes superficies que se enrugan como branda pel; revelando así o poder que teñen as mans humanas para modelar á natureza. Reminiscencias de antigos e poderosos guerreiros, quizáis daquela nosa raza perdida das tribus de Breogán, trae a potente peza articulada, de aceiro cortén, “Helmo”, de Francisco Pazos que pechada pode lembrar un totémico menhir. “Oxalá” de Fidel Goás é coma unha especie de  silla ou banco, no que se abrazan a pedra e madeira como para construir un sólido asento, un lugar inconmovible sobre as catro columnas que sosteñen o propio eido. Da forza poderosa da natureza fala a contorsionada  e antropomórfica árbore de Enrique Tenreiro, que, sostida sobre bulbosas patas, estira un xigantesco brazo, como en desmesurado xeito de defensa. 

A obra en aceiro “Implacable selección” de Soledad Penalta predica da eterna viaxe da humanidade, por medio dunha encadeada fila de humanos que camiñan cara un espazo cónico feito de cintas entretecidas e gravadas con textos, e que ven sendo como un portal de acceso que se pecha para uns, mentres que devén seo acolledor para aqueles que deixa entrar. Finalmente “Magna mater”, da miña autoría, recolle en pedra o antergo mito da gran deusa, por unha síntese de formas simbólicas: colo nai, semente, froito, espiral do crecemento, etc, que remite a estética do granito e as formas do megalitismo. Nove singulares maneiras (coma os nove ceos da antiga cosmovisión) de ollar o mundo.

Exposición de Artby´s en Abanca

Te puede interesar