Grandes da pintura galega, na galería José Lorenzo

A galería José Lorenzo acolle unha mostra de pintores galegos do século XX

A galería José Lorenzo acolle unha mostra de pintores galegos do século XX, na que teñen un protagonismo especial Luis Seoane e Laxeiro; a eles hai que engadir a Colmeiro, C. Maside, Pesqueira, Alfonso Sucasas e  José Frau. Pese as diferenzas de estilo pode establecerse entre todos un fío conductor na súa temática que é Galicia: idiosincrasia, xentes, paisaxes, costumes, fábulas e símbolos son reflectidos por eles nunha época en que a singularidade do noso pobo foi sentida como algo irrepetible e ademais en trance de mudar ou mesmo de desaparecer. 
Esa diferencia foi maravillosamente sentida por Luis Seoane que a levou ao terreo do simbólico, ou, por millor decir, do arquetípico, convertindo ás nosas mulleres do agro en hieráticas versións da magna mater, a gran nai. Dan fe disto as obras “Recolectoras”, de 1976, e “A touca Azul”, de 1977, cando xa a pintura de Seoane acadara a síntese perfecta entre unha lingoaxe moderna e o primitivismo, con esquemáticas combinacións de planos recortados, cores planas e liñas negras de suliñado; o real é así trascendido polo emblemático. Inspirada tamén na realidade galega, pero alén dela, está a obra de Laxeiro que se abana dende unha certa idealización bucólica e romanizante ata un expresionismo que pode ir dende a amable deformación de trazos ata a distorsión. 
Exemplo desto son dúas cabezas, especialmente a titulada “Pastor”, na que, entre tintas vermellas e negras, o cara adquire as características dunha terrible e doente máscara. Por contra ,”A parrada” presenta un festivo grupo de rapaces de redondeados rasgos étnicos que, entre tonalidades ocres e grisáceas, cantan e tocan flautas coa xeórxica inocencia das antigas festas populares. Abalándose entre a ironía e a inocencia están “As noivas de Romain”, unhas meniñas de doces facianas cor de améndoa e vestimentas barrocas que son como rapaciñas de aldea con toques velazqueños. 
Da terra e do mar falan as dúas mulleres do cadro de Sucasas. Colmeiro, coas obras “Panadeiras” e “Fruteiras”, lévanos da man a aquela Galicia dos oficios e das feiras de antano, onde se sinten latexar as cores da vida e os tons da saudade. De vitalidade popular e de oficio  perdido fala “A cacharrería” de Carlos Maside, cadro de 1945, que é unha ledizosa explosión de vaixelas de barro e de mulleres coa vestimenta tradicional de mantelos, mandiles, longas faldas e panos na cabeza; un mundo que xa é nostalxia. 
De tarefas no campo trata “Descanso” de M. Pesqueira, na que unha familia de pai, nai e neno acóllense á protectora sombra azul turquesa dun idealizado carballo; pon así o acento no aspecto beato dos traballos da terra, que cantara  solemnemente Fray Luis de León : “Feliz el que de pleitos olvidado/ cual los del tiempo antiguo/ labra sus heredades...”, antes xa o fixera o Teócrito dos “Idilios” e o Virxilio das  “Églogas”  e “Xeórxicas” . Paraíso perdido ou mito enfeitizado pola lembranza, o pincel destes artistas inmortaliza a Galicia.