A “Nordesía” de Beatriz Ansede

Asala Novais, sita na rúa do Orzán, ofrece unha mostra de pintura de Beatriz Ansede Bonome (Irixoa, 1950), pintora autodidacta cofundadora e membro de ARGA, que comenzou a súa carreira plástica a mediados da década do 80 do pasado século. Trátase dunha obra caracterizada polas auras avoltas e as luces bretemosas e difusas que consegue a base de manchas soltas e mestas de variadas facturas, un tanto na liña do expresionismo abstracto, co que consegue atmósferas dun lirismo mui galaico, de ahí que lle acae mui ben o título de Nordesía dado a estes cadros. B.
Ansede parte desa primeira impronta da mancha con cores mui ben temperadas que enchen totalmente o espazo do cadro e constituen o estalido emocional, o motor xenetriz que da pulo á man; pero logo, esta fogaxe inicial é sometida á reflexión e nacen incitacións da natureza, como árbores ou mares de fondo ou frondes e ramalladas que nos levan polos camiños interiores da vía contemplativa. Pensamos que é nesta dualidade –por outro lado tan do noso ser, da nosa idiosincrasia– onde se atopan os achádegos máis certeiros da pintora; así, cadros como Raizames métennos de cheo na poética da fraga e do bosque, máis simbólico que real, polo que pasan arrepíos que son como retortas e brancas raiceiras que rachan o silencio; ela escribe entón, en cálidos e apagados tonos verte terra a historia dos que sentimos no sangue a telúrica chamada e o eco do río vello e antigo.
As veces asoma a silueta cor de chumbro dunha senlleira árbore que se ergue como testigo de arelas e símbolo matricial, rexa figura de permanencia; outras veces ensoña cidades de lonxanía que se perden cara ningures ou dourados fondos mariños con tesouros innomeabeis; é todo eso que asoma dende as caladas estancias do interior da alma: as fiestras abertas cara un alén presentido, as fendas que se abren na luz ou os reflexos da auga nas avenidas dos soños. Non sempre acerta co punto exacto da revelación, pero cando o fai, cando é “máis súa”, máis dese recuncho mamado e vivido, dese locus amoenus que advén na nostalxia e na saudade da memoria, entón desperta o cantar evocador que ela traduce en acentos de doce e repousado cromatismo que fala ás intimidades da alma.
Como na música, o que conta é a modulación, a perfecta conxunción de melodía e harmonía ; a melodía está no aire e ela escrébea en trazos que puntean o cadro coma nun teclado; a harmonía advén en refachos e lufadas de esparexida luz.

A “Nordesía” de Beatriz Ansede

Te puede interesar