Polifonías cromáticas de María X. Díaz

En plena madurez creadora, María Xesús Díaz (A Coruña, 1957) trae á galería Xerión a súa última obra baixo o título de “Tentación sonora”, o que fai referencia ás incitacións musicais que a motivaron, pero tamén a continua sinestesia e correspondencia de harmonías e de ritmos que tanto na música como na pintura deben estar presentes. Partindo de suxestións da natureza e da paisaxe, presentes xa na etapa que vai de 2008 ao 2015, a obra actual camiña cara unha abstracción lírica na que o espazo é o gran protagonista, por medio do diálogo entre as dúas dimensións da realidade: a terra e o ceo. 
A outra gran protagonista é a cor matizada en tonalidades  aéreas, que voan polas amplitudes inmensas do firmamento como lixeiras e ingrávidas nubes; ou repóusase en cálidos chans de matices sanguina, ocre, laranxa, vermello...; ou abre remansos de quietas augas prateadas con emboscados reflexos. En realidade, o que ollamos é unha móvil partitura de melodías e harmónicos cromáticos, unha polifonía de manchas exquisitamente acordadas que, as veces soan doces como sinfonías de tono menor e outras cobran a grandeza e solemnidade do tono maior. 
E sempre falan de algo inasible e arcano, dunha emoción fonda, que non é posible expresar, que só se pode sentir, o mesmiño que a música. De pronto, vemos emerxer o tronco dunha poderosa árbore, como no cadro que titula “Allegro sonata”, pero axiña sentimos que é moito máis que árbore, que é un fluido branqui-azulado disparado cara o ceo, como un impulso da alma, desde un aurífero chan que se sinte  berce dos máis luminosos anceios. Tamén se dixera árbore o rectilíneo e altísimo tronco cor siena do cadro que titula “Soprano” e que se esparexe potente polo dourado ceo, pero en realidade é un agudo  berro de terra ergueita, unha oración que clama pola luz. 
De saudade, de lonxanía, de amplitude cósmica fala o fermoso cadro “Cantiga de amigo”, na que un pequeno anaco de sanguiñenta terra enfróntase a inmensidade baleira do ceo; no horizonte están a ausencia e a soedade. “...a vida ten esa efémera delgadez./ o corazón contráese e dilata / entre o visible e o invisible...” din os fermosos versos de Eva Veiga. A luz escóitase coma un recinto sagrado, unha citania ou un cromlech aceso de solpores, no cadro que titula “Círculo de quintas”; ou convértese en neboenta ría de perlinas augas e repousados grises, con orelas plomizas, en cadros como “Intermezzo” ou “Serenata”; ou ben tece unha “Fantasía en re” de acuáticos reflexos, sobre unha bahía inventada, na que pelexa coas sombras. Imposible traducir a palabras o que só se pode ollar: esa música da cor tan ben temperada na que as formas, cando as hai, son un pretexto para transmitir un sentimento de emocionada beleza. 
M. X. Díaz leva a paisaxe alén de si mesma, faina cantar en vibracións de “Suite escarlata”, envólvea en “Fuga” de misteriosas brétemas e deixaa latexando na beira do descoñecido. Así o celebra a poesía de Pilar. Pallarés “Alén da cor / un eco/ e unha promesa

 

Polifonías cromáticas de María X. Díaz

Te puede interesar