Xulio García Rivas, en Monty4

Xulio García Rivas (Agolada, Pontevedra, 1947), Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e profesor de debuxo en Ensino Medio, trae a galería Monty4 unha obra na que o seu dominio da técnica da acuarela e da tinta chinesa sirve para darlle canle  a súa exquisita sensibilidade.

Lévanos, así  aos encantados xardíns das máis delicadas formas florais, como en “Avril Vilar”, ou as fastuosas da milenaria árbore Ginkgo; ou ben abéiranos dos  misteriosos paraxes nos que se enfrontan a luz e sombra, sitios fronteirizos de alta poesía que entronca co sentimento romántico da paisaxe, como sucede coa serie “O que se escoita na montaña”, que está inspirada no poema sinfónico do mesmo título de Franz Litz, pero que tamén ten moito que ver co animismo de noso e, dende logo, coa estética e a filosofía taoísta, que preconiza a harmonía do ser humán coa  natureza e co cosmos. 

Facer falar á caligrafía da mancha, como fixeron os mestres da pintura chinesa, é todo un reto que él afronta con éxito, conseguindo obras de maravillosas suxerencias, como “Nostalxia” que abre un inmenso  e levedante espazo de luz entre mestas montañas; ou como” Abismal cantil”, no que sentimos precipitarse as escumantes augas entre feros e negros penedos. Ambas obras canalizan  sentimentos opostos: a serenidade contemplativa, non exenta de melancolía, no primeiro caso, e a fereza das forzas naturais, no outro. Teñen estas obras unha carga simbólica que entronca coas experiencias místicas e visionarias, como é visible en “A noite escura”, que dedica a San Juan de la Cruz; sucede entón que a imaxinación ou a ánima, liberada das ataduras corporais, e “ de ansias en amores inflamada” (como diría San Juan), abre unha fírgoa, un portal cara dimensións secretas. 

Só un elemento tan fluido como a augatinta pode darlle ao pintor o medio para que, unha vez seca, transverbere en aérea luminosidade; esa tinta escura sobre a nívea brancura do papel desperta o silencio estático da propia noite, de maneira que poida advir a luz . A obra “Cara o silencio” abonda nesta invasiva iluminación que arrastra ás tebras, pois –segundo Lao Tse–: ”O tao luminoso parece escuro”. O
u, o que é o mesmo, e que tan ben  souberon os tenebristas do Barroco, só a carón da sombra cobra a luz toda a súa intenside vibratoria; luz-sombra significan  o antitético pathos do espíritu humán. X. G. Rivas regálanos obras fermosísimas e de fonda significación, nas que a inventada paisaxe, como quería Turner, devén fantasía patética,  simbólica analoxía da eterna loita en que consiste o feito de existir. 
Maxestuosas, as súas paisaxes  falan de materia espiritualizada e vaporosa, como en “Ecos da néboa” ; son pretextos da “Visión interior”; son ensoñadas alegorías, como “Última luz “, que abre unha  fenda sobrenatural  entre escuras montañas, ou “O abismo dos paxaros” , precipitada e brillante fervenza  cara a que acarreiran multitude de lixeiras criaturas negras. A natureza, entón, como di Delacroix,  “non é máis que un diccionario”.

Xulio García Rivas, en Monty4

Te puede interesar