A (e)moción na política

Saúdo inicialmente dende estas páxinas por primeira vez, agradecendo a Diario de Arousa este espazo de expresión e debate. Fágoo, nunha coincidencia peculiar, durante unha moción de censura que, no momento de escribir estas liñas, está no pleno debate. Sirva este motivo para expresar a miña primeira vontade a través destas liñas, que non é outra que a necesidade de que a política represente á cidadanía e transforme a sociedade. 
Semella que estas dúas cuestións foran perogrulladas de calquer discurso baleiro. Creo, non entanto, que non e así. A representación é, precisamente, o que se ten posto en dúbida en tempos recentes. Dende o 15M en adiante existen clamores sociais que apuntan á sensación de orfandade de moitas persoas que non ven nos liderados políticos unha voz que fale no seu nome. Se ben é posible apuntar que, históricamente, todas as crisis económicas e sociais provocan problemas deste calado, non é menos certo que un grave problema da política é convertirse nunha burocracia do poder, nun xogo legal de competencias e trámites. A xestión non é menor, pero a política é a reivindicación da implicación dos cidadáns na cousa común, a ferramenta que teñen os que non teñen outros medios. Esta implicación é inconquistable sen a representación, sen a sensación de ver os propios desexos expresados por aqueles a quen se elixe para tal. Esto ten que ver, si, coa moción de censura que estes días vivimos, pois un desexo social amplio é que non se pode aturar máis o fedor insoportable dun goberno inundado pola corrupción, e afeito a facer coma se nada pasara. É preciso ter en conta as emocións, e de aí nace a sensación de representación, e por iso hoxe hai máis cidadáns representados que hai uns días. 
O segundo obxectivo é conquerir que a aplicación da representación sexa útil e eficaz. Non necesariamente resultados de victoria ou derrota, pois como nos ensinou Atticus Finch en Matar a un ruiseñor “hai loitas que hai que dar aínda que se saiba de antemán que están perdidas”. Hai decisións que non se deben tomar con calculadora, como semella que algún partido moderno fai por sistema amosando que non hai, e nunca houbo, política nova e vella senón política ben feita e mal feita. Transformar a sociedade na que se vive non é unha oportunidade, senón unha obriga. Como o era a moción de censura, porque era unha obriga actuar para derogar os aspectos retrógrados da lei mordaza, devolver a sanidade universal…e para sacar ao estado do fango podrido en que a “corrupción institucional” (sentencia xudicial dixit) o tiña metido.
Por todo isto é imprescindible a implicación e a emoción na política, para representar, para sentirnos partícipes todos e todas do que decidamos. E facelo con obxectivo de transformar, de respetar o que entre tantas persoas ao longo de tanto tempo se ten construído e que ningunha trama estrutural debera roubarnos. Para esto, e fundamentalmente por eso, era imprescindible nestes días tan excepcionais unha medida excepcional como a moción de censura.
En definitiva hai que facer política para cambiar a sociedade, pero tamén é imprescindible facer política para cambiar a maneira de facer política.

A (e)moción na política

Te puede interesar