Berro mudo

Debemos recoñecer, por resultar indiscutible, que o chamado Movemento 15-M constitúe un acontecemento histórico pola súa transcendencia política e social. Foi máis alá do que o seus iniciadores pensaran cando convocaron esta singular e atípica maneira de protesta, mesmo amplificada polo tratamento nos medios de comunicación. Fóra do territorio peninsular mesmo se fai referencia a “Spanish revolution”; e dentro para simplificar aos Indignados, probablemente por ter como referente intelectual o manifesto de Stéphane Hessel, titulado así. Esta protesta foi relacionada coa prolongada crise económica que sofre o país e as súas expresións máis visibles, como podían ser a elevada taxa de paro, a precariedade laboral, a contención salarial, a presión hipotecaria sobre as familias, a restrición do crédito e as políticas gobernamentais de axuste traducidas en recortes no estado do benestar. Agora, co goberno Rajoy, dobra as cifras daquel momento. Aínda que os manifestantes, daquel movemento e das convocatorias que seguiron no tempo, forman un grupo diverso, ambiguo e heteroxéneo, teñen en común unha serie de formulacións: o rexeite cara á clase política, percibida como endogamia, afastada dos problemas cotiáns dos cidadáns e demasiado próxima a determinados intereses económicos privados; a demanda de superación do bipartidismo hexemónico entre os dous principais partidos, PP e PSOE, o cal configura un sistema democrático pechado que produce, segundo eles, “a alternancia pero sen alternativa”; a remoción da partitocracia no seu sentido máis amplo; o final da corrupción; e o respecto polos dereitos básicos, a saber: vivenda, traballo, cultura, saúde, educación, participación política, libre desenvolvemento persoal e dereito a bens de primeira necesidade. Moito choveu nestes dous anos de historia do movemento. A crise agravada en todas as súas formas e manifestacións, sumada ao desesperante futuro que se deriva dunha política económica contraria ao interese das maiorías sociais fan que a cidadanía, moito máis a mocidade, estea nun estado tal que forma una caldeira a presión chamada a estoupar en calquera momento. So falta a chispa que prenda lume. É así que o Movemento 15-M chama a manifestarse o vindeiro 12 de maio, baixo o lema “da indignación á rebelión: escrache ao sistema”, para botar un “berro mudo”.

Berro mudo

Te puede interesar