Erro ou planificación meditada?

Ovicepresidente da Comisión Europea, o español Joaquín Almunia, defendeu as medidas aplicadas en Grecia despois de que o FMI recoñecese que foron un erro tendo en consideración os resultados, xa que non se albisca recuperación económica algunha. O FMI afirma agora que non valorou axeitadamente o efecto das receitas de austeridade, xa que a recesión da economía foi moi superior á prevista.
A contestación de Almunia foi que había que axer axiña, e que non se podía esperar a analizar o tema máis detidamente “indo á Universidade para estudar un doutorado en economía”. Unha resposta vergoñenta, que amosa ate que punto as decisións se toman por persoas que se recoñecen carentes de coñecementos e polo tanto de capacidade política. É unha escusa pouco críbel, xa que tanto na Comisión Europea, como no FMI e BCE, se algo teñen abondo son economistas. Ademais, non deixa de ser sospeitoso que nas presas nunca tomen medidas que beneficien as clases populares e os países máis febles, como é o caso das reformas laborais, pensións, prestacións públicas, actividade industrial, etc. O presidente grego descualificado diante do seu país pedía desculpas, mais engadía que os erros xa foron corrixidos. Unha afirmación difícil de aceptar cando a débeda pública non deixa de aumentar, malia a quita do último ano, o PIB devece, o desemprego chega a porcentaxes nunca vistos, e a pobreza alargase acotío. O presidente da Comisión Europea, Durão Barroso, sinxelamente di que o FMI está trabucado. En resumo que cada un lava a cara como mellor pode.  Agora ben, estas receitas de austeridade son as mesmas que se están a aplicar en moitos outros Estados da UE cos mesmos resultados negativos. A única diferenza é que Grecia vai máis avanzada, polo que ten o valor de ser un espello para o resto dos países atinxidos polos planos de austeridade, en realidade un duro axuste que redistribúe a riqueza e o poder en beneficio dos grandes grupos económicos e os estados máis fortes. Teríamos que ser moi inocentes para pensar que todo é casualidade, ou falta de claridade, porque cada paso que se dá sempre vai na mesma dirección.

Erro ou planificación meditada?

Te puede interesar