GÁRDASME O SEGREDO?

Encaramos o remate deste traumático ano, que para mais fatalidade foi “bisiesto”; é dicir, que tivo un día más para amargarnos a vida. As desgrazas nunha veñen en dose única, certamente que non. E semella que estamos a destapar o tarro das esencias. A última é a información estatística a respecto do comportamento do negocio turístico galego acumulado no que vai de exercicio económico. Os datos dados polo Instituto responsable pintan un panorama desolador: caen os clientes, os aloxamentos, a estancia media, a ocupación, os ingresos, o rendemento dos hoteis, o cadro de persoal e, para remate, Paradores intenta pechar o seus establecementos de Verín e Ferrol a mais de botar á rúa traballadores nos demais. O caso galego duplica na caída ao conxunto estatal, situando o negocio no peor ano do que vai do novo século, acadando cifras de ocupación que escasamente chegan a un terzo da capacitade hoteleira, aínda con custe rebaixado á metade do xeral.

Mais e todo, para Xunta non debe existir preocupación. Nun peculiar xeito de ver a botella medio chea, nin se preocupa por contar cun responsable político na Secretaría xeral de Turismo, agora trasladada directamente á orbita da Presidencia e sen titular desde outono tras a dimisión que levou a súa inquilina a competir no proceso electoral. Nun comportamento turístico que cada vez valora máis a experiencia extraordinaria, a vivencia auténtica e singular, as cifras do INE deberon trabucar os datos galegos cos das Illas Baleares ou os da Costa Brava. Iso deben pensar os responsables políticos. Non é posible que a xente non veña por milleiros a ver o grande monumento universal no que se converteu o Gaiás, a flamante Cidade da Cultura e a súa irresistible “Gallaecia Petrea” formando enormes ringleiras de ansiosos visitantes que agarden horas e horas para vivir “a fala coas pedras”, experiencia envexa de Port Aventura, de Terra Mítica e dos outros parques de atraccións, catedrais e demais monumentos. A xente é rara, mira que si é. Moverse a moreas pola fin do mundo que nin foi tal. Coa autenticidade dunha historia tan grandiosa tal é o suceso do Códice Calixtino e non a do fraudulento Código Davinci. Pois nin por esas, nin polas festas gastronómicas que neso somos unha potencia mundial. Non veñen aquí, e non. Ou veñen en segredo.

 

GÁRDASME O SEGREDO?

Te puede interesar