MINERÍA GALAICA

Cando se aproba un proxecto de dubidoso nivel, pronto se comeza a falar do número de postos de traballo que se van crear, como se fose a salvación do país. No caso na mina de Corcoesto o número exacto de empregos é de 271, así de xustos, nin sequera redondean en 300 ou, xa postos, 4000 asalariados indirectos, que son algarismos que dan moito deles. Claro está que non se fala da destrución total que leva aparellada unha explotación a ceo aberto de tal magnitude: máis de sete mil metros cadrados de escavación até os cen metros de profundidade, case que Cabana de Bergantiños vai ser o primeiro concello que se estenda por debaixo do nivel do mar.

O que se vendeu á xente é que con pas e picos e una escavadora van saír toneladas de ouro que irán directas aos moldes de fundición e aos poucos días xa se poden comprar como aneis ou colgantes. Así o escoitei pola zona, aínda que non se crea. A verdade é que para un galaico entender iso de que os minerais, como o ouro, hai que extraelos mediante produtos químicos altamente contaminantes e que o terreo da mina é difícil de recuperar en varias xeracións.

O futuros empregados pensan que poden ir traballar pola mañá á explotación e pola tarde plantar millo nas leiras próximas sen ter en conta que un perímetro de dimensións aínda sen calcular será totalmente ermo para a agricultura.

Unha das provincias galaicas chámase Ourense debido a que era rica en ouro, un elemento químico escaso e resistente formado no universo durante miles de millóns de anos por explosións de estrelas hipernovas que aflorou nas terras galaicas como beizón ou castigo.

Os romanos que chegaron por aquí non perderon o tempo e levaron todo o prezado metal daquelas terras e so deixaron montes furados e unha cadea montañosa, como as Medulas, convertida en residuos.

Aínda hoxe toda a zona ourensá e o antigo territorio galaico perdido do Bierzo é un deserto improdutivo e iso que os traballadores da época augusta non tiñan a capacidade destrutiva do homo sapiens actual.

Se a Costa da Morte aínda está algo perdida da man de San Caetano, co explotación mineira de Corcoesto en anos será un lugar ermo e desértico. Non quedará máis emprego que establecer unha Deputación, como sucedeu en Ourense.

Unha mina non é un asteleiro, non traerá innovación nin desenvolvemento, é un traballo máis de enxeñaría que, loxicamente, será desenvolvido por técnicos canadenses e os seres autóctonos quedarán para o traballo pesado, os poucos que logran un emprego, porque nin sequera aparece na concesión a obriga de contratar a persoas da zona, que sempre poderán ir destinados a Ghana ou Bolivia unha vez que aprendan a arte da extracción aurífera.

MINERÍA GALAICA

Te puede interesar