Modos de corromperse

Acorrupción forma parte da política como unha materia máis, das que serían avaliables para sacar nota. Calquera individuo que desexe facer carreira no asunto público leva no seu ADN un cromosoma oculto de perversión polo diñeiro ou polos favores. Con todo hai categorías nisto de camiñar polo gume da honestidade, como se ve nestes últimos anos. Mentres uns foron pola vía rápida, outros escolleron o camiño lento.
O caso dos ERE falsos realizados en Andalucía é un escándalo moito maior se se mide en millóns de euros dispersados do erario que o que afecta ao ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas de momento, porque este vai camiño de competir con Carlos Slim na lista Forbes de grandes capitais a medida que se descobren máis contas bancarias polo mundo adiante.
Cando saen noticias de como os implicados andaluces dilapidaban o diñeiro público, produce risa e simpatía. Gastaban os euros en gustos mundanos, perversións naturais do ser humano como poden ser sexo, drogas, alcohol, viaxes a destinos vacacionais de masas, en fin, o que calquera desexaría realizar algunha vez na súa vida, sen faltar a compra de un ou catro chalés ou vivendas de luxo e gozar da sensación de entrar nun bar e proclamar en voz alta: unha rolda de bebida para todos.
De Bárcenas, pola contra pouco se sabe dos seus vicios e perversións. Case todo o diñeiro está oculto en contas bancarias e non transcendeu que levase unha vida a todo tren, con iates, avións privados e gastos de alto nivel.
Dá a sensación de que aforraba para cando se xubilase, porque o de ir a esquiar a Canadá non me parece gran dispendio e andar pola capital do Reino de restaurantes de luxo e de compras en tendas exclusivas non é para tanto, calquera alcalde galaico fai o mesmo nas súas viaxes á meseta.
Outro asunto distinto é que Bárcenas pagase sobresoldos ilegais a directivos de PP a modo de nómina de beneficios, xa que o partido recibía tantos fondos que había que repartilos. Buscar na contabilidade oculta dos populares o abono de facturas de lacasitos ou lencería é pecata minuta, cando o verdadeiro calote de caixa é que se indemnizaba a algúns cargos por dedicarse á política por deixar a súa actividade profesional privada máis lucrativa.
Pero isto non foi nin é unha solución exclusiva do PP. Hai anos un dirixente socialista galaico empeñouse en meter a alcalde a un alto cargo. Foi unha dura negociación porque o futuro rexedor non estaba disposto a deixar o seu despacho nun ente público onde gañaba millóns en salario por coller o bastón de mando nun municipio onde percibiría menos salario. Ao final garantíuselle que cobraría máis no novo cargo. A pena foi que só lle durou catro anos.

Modos de corromperse

Te puede interesar