OS LÍMITES DA UNIDADE SINDICAL

Aunidade axuda a que as reivindicacións da clase traballadora acaden as máximas cotas de respaldo social. Temos como exemplo a última folga xeral, do 14 de novembro, e o paro comarcal de Ferrol do 12 de xuño, e unha morea de conflitos en empresas e sectores. A práctica demostra que a unidade é máis doada na base, por problemas concretos, que cando se entra en cuestións máis estratéxicas, que cuestionan a fondo a distribución do traballo e da riqueza, tanto sexa en relación ás clases sociais ou ás distintas nacións do Estado español.
Mais sería simplista pensar que a unidade sindical sempre é un paso adiante. Primeiro, porque a estratexia das centrais sindicais é diverxente, pois mentres CCOO e UGT apostan polo pacto social como alicerce da acción sindical, dado que non cuestionan o sistema capitalista e a dependencia de Galiza, a CIG céntrase na mobilización para acadar a liberación nacional e social da nosa nación. Segundo, polos pactos de moderación salarial que hai anos que asinan as dúas centrais sindicais estatais coa CEOE, mesmo en conxunturas como a actual, na que no ano 2012 deveceron os salarios nun 6% na Galiza. E terceiro, para alén de que non sexa certo o tema dos ERE en Andalucía (algo que espero), é moi grave que CCOO e UGT acepten achegas por parte dunha empresa de Villar Mir (malia que figuren no convenio, seguen a ser “sobres”) e que CCOO votase a prol do documento de reforma das pensións. Son feitos ambos que amosan certa complicidade entre a dirección destes sindicatos e a gran patronal.
Non sempre se pode dar a unidade, neste tema vale aquilo de “xuntos máis non revoltos”. Trátase, polo tanto, dunha cuestión na que non é doado tomar a decisión correcta, xa que a unidade dependerá do ámbito e do momento, porén moi especialmente da táboa reivindicativa, da folla de ruta e carácter da mobilización. Nesta etapa a unidade será sempre conxuntural, mais non deixa de ter un enorme valor, se non hipoteca as diferenzas estratéxicas, para facer unha forte oposición ás medidas regresivas contra a clase traballadora e, especialmente, que esta poda atinxir o protagonismo que lle corresponde.

OS LÍMITES DA UNIDADE SINDICAL

Te puede interesar