Santa Rita, Rita

As festas de Santa Rita foron, históricamente, moi coñecidas no entorno e recibían moita afluencia de xente da comarca que visitaba Vilagarcía. Este final do mes de maio, no que aparece o sol a pleno rendemento e no que da máis gusto saír á rúa, é unha época fantástica para unha festas que mobilizan ao persoal. Cada persoa que está na rúa e non na casa é un motivo de celebración para os nosos hosteleiros e comerciantes, e por eso hai que poñer todos os esforzos en facer destas festas uns días atractivos.

Non entanto, tivemos varios anos hai non moito nos que ese interese histórico que tiñan as festas de Santa Rita quedou relegado. Pasaron a ser unhas festas de segunda, únicamente relegadas ás festas puramente relixiosas e con algunha actividade cultural limitada a verbenas e os poucos cachibaches que se instalaban, con sorte, na explanada de O Ramal.

Nestes últimos anos a cidadanía volveu a recuperar Santa Rita. E hai que celebralo. Nin quedamos únicamente en aproveitar o festivo, nin se convertiron en un día aillado en medio dunha semana de maio. Santa Rita serviu nos últimos tempos para que a actividade cultural, esa que foi feliz e intensamente recuperada nos últimos catro anos para Vilagarcía, tamén tivese un grande protagonismo. Coque Malla, Sés, Novedades Carminha ou Jaime Urrutia serían cabezas de cartel das grandes festas locais en multitude de lugares de Galicia. Todos eles pasaron por Santa Rita nestes últimos catro anos, xunto a actuacións gustosas para o público galego e arousán como Gonzalo Arca, Xabier Díaz ou Factoria de Subsistencia. 

E non queda aí. A Feira Celta, CodArte, o Festivaliño, A Rúa dos Cativos ou competicións deportivas de regatas ou ximnasia rítmica son parte dun programa, e falamos so deste ano, que revitalizou a Santa Rita e a súa festividade. Vilagarcía é, culturalmente, unha cidade bulideira, viva, inqueda. Era preciso reactivar ese rebumbio latente e poñelo a funcionar. E fíxose.

Desfruten de Santa Rita, que ben merece a pena. Desfruten de Vilagarcía, que tamén o merece. Desfruten, en xeral. Que é merecido. 

Santa Rita, Rita

Te puede interesar