SENTIRSE E ACTUAR COMO SECTOR

Unha vez máis comprobo como as miñas intervencións no Parlamento galego, cando teñen algo que ver co sector mexilloeiro, son utilizadas polo presidente do Consello Regulador o señor Francisco Alcalde para tocar a rebato e acusarme, entre outros despropósitos, de “prexudicar constantemente a imaxe pública do mexillón de Galicia”. Ata a data mantiven silencio ante este tipo de ataques pero entendo que esta vez transcenden xa do institucional e político para inmiscuirse no terreo persoal intentando transmitir que albergo unha sorte de menosprezo ou inquina cara ao sector mexilloeiro galego. Afortunadamente creo non ser un descoñecido para boa parte deste sector e todos os que hoxe desempeñan algún cargo directivo neste saben perfectamente que teñen a porta aberta a transmitirme calquera cuestión ou crítica directamente “á cara” cando así o consideran oportuno e non a través da prensa.
Dito isto, opto nesta ocasión por contestar ás afirmacións do presidente do Consello Regulador porque as miñas palabras no Parlamento non foron froito dun “calentón verbal” senón dunha profunda reflexión que se torna en máxima preocupación pola situación na que actualmente se atopa o sector mexilloeiro galego e que a ninguén, incluso alleo ao propio sector, se lle oculta nestes intres. E como responsable directo da Administración galega deste sector -logo da propia conselleira- debo recoñecer que a esta preocupación uno as dificultades que se reproducen para coordinar as accións necesarias co propio sector para reverter esta situación. Para quen descoñeza cales foron as “terribles palabras” que tanto preocupan ao presidente do Consello, non foron outras que afirmar que “a día de hoxe en Galicia hai bateeiros pero non hai sector”. Palabras que, por suposto, manteño e reafirmo.

Boto en falta por parte do señor Alcalde unha reacción cando menos similar ante as afirmacións do parlamentario que me preguntaba, o señor Daniel Rodas do BNG, que nun exercicio de falseamento da información, non tivo rubor en afirmar que “Chile tiña exportado a España no ano 2012 un total de 240.000 toneladas de mexillón”. Basta consultar as estatísticas oficiais para comprobar que a produción total de Chile no 2012 foi de 240.000 toneladas e as exportacións a toda a Unión Europea de 61.000 toneladas (un 25% delas a España). Pero o que na miña opinión reviste máis gravidade foi que afirmase que “o 90% das latas de conserva de mexillón que se venden nos supermercados eran fraudulentas en canto á orixe” transmitindo así ao potencial consumidor unha mensaxe devastadora.

 

Sorprendentemente, para o señor Alcalde tales afirmacións non parecen ter relevancia nin constitúen causa de prexuízo para o bo nome do mexillón galego e iso pese aos datos ofrecidos na miña resposta sobre as actividades inspectoras coordinadas do Instituto Galego de Consumo e os servizos de calidade alimentaria da propia Consellería do Medio Rural e do Mar, con 21 inspeccións directas a fábricas galegas de conserva de mexillón no pasado ano, sen que ningunha destas inspeccións constatase fraude na orixe do produto enlatado.
No que creo que estamos basicamente de acordo o presidente do Consello regulador e mais eu é en que a situación actual do sector mexilloeiro galego é preocupante pero claramente diferimos na análise das causas que a están orixinando máis alá da inevitable influencia da crise económica e o efecto dos episodios tóxicos. Na miña opinión, a insoportable atomización do sector bateeiro galego é o seu principal problema, máis alá dos baixos prezos ou dos efectos das importacións doutros países. O lastre da desorganización e a falla dunha actuación conxunta e coordinada -desde a produción ata a comercialización e a promoción- vén colocando ao sector, de xeito progresivo pero inexorable, contra as cordas nunha espiral de depreciación do produto que está provocando un empobrecemento importante de todo o sector e bloquea os esforzos de modernización que fai tempo emprenderon algunhas asociacións (das poucas que como tales van quedando) como Amegrove ou Cabo de Cruz, que ven consumidos os seus avances organizativos nun panorama de prezos constantemente á baixa.

Para o señor Alcalde este non parece ser o problema fundamental senón o control e sanción de irregularidades e a potenciación da Denominación de Orixe Protexida. A principal finalidade do sector non debemos esquecer que é a de vender a maior cantidade de produto ao mellor prezo posible e polo maior número de produtores (desexablemente, por todos e cada un en igualdade de oportunidades) e que para iso conta coa DOP como instrumento para contribuír a este fin. O problema reside cando o instrumento para conseguir o fin se converte no fin en si mesmo, especialmente cando no Consello Regulador non están representados o 75% dos produtores galegos que, como non podería ser doutro xeito, tamén teñen dereito ao “pan e o sal”, falando desde o punto de vista da Administración, está claro.

Neste complicado contexto cobra todo o sentido a existencia da Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia” como garante da calidade intrínseca que atesoura o mexillón galego e marchamo de garantía de cara ao consumidor final. Con todo, tras pasar máis de década e media desde a constitución do seu Consello Regulador e ser simbólicas as cantidades de mexillón con denominación de orixe que chegaron ao mercado durante este tempo, o Consello Regulador foi, e está sendo na actualidade, incapaz de alcanzar os seus obxectivos xa sexa porque non conta co apoio suficiente do propio sector produtor (baste recordar que nas últimas eleccións, ano 2009, votou escasamente o 30% do censo), xa porque emprega gran parte dos seus esforzos en loitar contra supostos inimigos externos en lugar de realizar o necesario labor de análise e autocrítica que lle sirva de base para un correcto replantexamento do futuro da DOP.

 

Desde estas liñas quero recalcar o decidido apoio da Xunta de Galicia á Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia”, pero tamén resaltar que este apoio non é incondicional porque, de non facelo así, caeriamos nos erros do pasado que levaron ao Consello Regulador á situación en que se atopa actualmente.

Os retos de futuro que debe abordar o sector mexilloeiro galego son moitos e difíciles de aplicar nunha estrutura asociativa totalmente atomizada onde, en moitas ocasións, é moi complicado determinar sequera quen son os interlocutores válidos e non é posible realizar unha análise, sequera somero, dos retos de futuro do sector mexilloeiro galego en tan pouco espazo. Pero entendo que se este sector quere afrontar o futuro cunhas garantías mínimas de permanencia deberá empezar por sentirse e actuar como “sector”, cuns obxectivos comúns e coordinados de cara á comercialización do seu produto, do mesmo xeito que se actúa como tal sector ante agresións externas xa sexan estas reais, supostas ou inducidas. Por parte da Administración, desde logo, a man está tendida para colaborar na consecución deses obxectivos comúns.

Juan Maneiro
Secretario Xeral do Mar
Consellería do Medio Rural e do Mar
Xunta de Galicia

SENTIRSE E ACTUAR COMO SECTOR

Te puede interesar