De callos e de acentos, nestas datas, a centos

A MIN AS aglomeracións nunca me chistaron moito, pero hai unhas cantas datas no ano nas que fago unha excepción. Unha é o San Benito, non me perdo un. E non por relixiosa, senón polo recordo dir sempre co meu defuntiño. No Salnés haiche poucas datas que xunten tantos devotos, iso é verdade, pero será por festas nesta comarca! Os Callos de Meis, sen ir máis lonxe. Alá me fun tamén. Sempre me abraio co tirón desta comida, da “ijual” a calor que faga e o quentes que saian as racións nas cazolas, O Mosteiro enche sempre. Alí non faltan nin os políticos, de todas as cores. Vimos a alcaldes como o de Ribadumia, David Castro, que debía ir celebrar o ano de mandato. Tamén che estaba por alá o portavoz do goberno de Cambados, Xurxo Charlín. Xente de todas partes, vaia, éche unha festa moi cosmopolita. Pero pa cosmopolita, a capital. “Vilajarcía”, quero “disir”. É entrar xullo e a de madrileños, veraneantes e estranxeiros que se botan á rúa. E ás “sejundas viviendas”, para quen as teña, claro. Festas hai moitas. E boas, tamén unhas cantas! Pero eu, para as verbenas, as de A Torre e as de Guillán, esas si que si! Que, por certo, nestas últimas atopo sempre a Alejandro Quintela, non sabedes? O que fora concelleiro con Gago tantos anos. Pois seica onte estivo de aniversario. Parabéns! A ver se nos vemos para as festas “lojo”!

De callos e de acentos, nestas datas, a centos

Te puede interesar