Enchenta de festivais de fin de curso e mexillón arousán

QUE “JUAPA” me vén sempre a presidenta Carmela Silva. Onte “navejou” pola Arousa para presentar un festival destes de música para rapaces. Dixéronme que gozou dos mexillóns que serviron como a que máis. O meu neto comentoume o nome da festa esa, pero a “verdá”, se che son sincera, non lle estaba facendo caso “ninjún”. Estaba intentando ver o que levaba a miña Carmela nos pés. Parecíaseme tanto a unhas zapatillas que teño de andar pola casa e que deben ter máis anos que Matusalén, pero se as leva a presidenta de “sejuro” que é o últimiño nas pasarelas porque, non se pode mentir, a “chica” ten estilo. Ademais eu son de vestir cómodo, sobre todo dende que tiven que empezar a ir recoller aos netos ao colexio porque os pais traballaban e a “sojra” da miña nena é moi fina ela e non tiña tempo: O pilates éralle “sajrado”. Xa hai tempo diso, pero mira que hoxe me entrou a morriña ao ver a outros avós indo buscar aos nenos ás centos de festas de fin de curso que debía de haber onte na comarca porque, “mimadriña”. A miña comadre, que é de familia numerosa, tiña a axenda peor ca dun ministro. Non sabía se ir ver a carreira solidaria dos netos de Ribadumia ou ir ver aos de Vilagarcía. En fin, non sei como fixo. Eu por sorte puiden adicar a mañá a ir á praza a comprar as sardiñas para o San Xoán. Había cantidade e a bos prezos, pero hoxe será outro cantar, aínda que parece que á xente dalle “ijual” porque segundo me dixo a peixeira todo o mundo o deixa para o último día. Por certo, contáronme que Marcos Ramos, o rapaz que tiña o Lembranza, quedou de terceiro nun concurso de cata de cafés en Barcelona. Hai que darlle a noraboa porque a “verdá”, eu pensaba que catar só se cataba o viño. 

Enchenta de festivais de fin de curso e mexillón arousán

Te puede interesar