Non son eu, somos todas

nte non estiven na concentración contra a violencia institucional e os ataques machistas que o Servizo de Igualdade convocou en Pontevedra, e que foi secundada por colectivos feministas de toda Galicia, partidos políticos, asociacións e cidadanía en xeral. 
Non fixo falta que o pensara moito. Se son sincera teño que recoñecer que o corpo pedíamo, pero tamén teño claro que os insultos machistas do alcalde de Vilanova, que pretendían ofenderme como muller, en realidade a quen ofenden é aos milleiros de mulleres que todos os días teñen que aguantar comportamentos impresentables como o deste señor e non teñen as oportunidades que polo meu cargo eu si dispoño para denuncialo. 
Por iso non debo estar na concentración. Porque non son eu, somos todas. E porque non vou consentir que as mesmas voces que non teñen pudor algún en faltar o respecto ás mulleres, denigralas, ofendelas ou amparar este tipo de actitudes incomprensibles no século XXI, poidan utilizar a miña presenza para acusar de novo á presidenta da Deputación de calquera tipo de protagonismo. Porque a concentración de Pontevedra é de todas, non é para defender a miña honorabilidade. É para defender a dignidade de tantas e tantas mulleres invisibilizadas que non teñen o altavoz que me da o meu posto. 
Non estiven onte á tarde na concentración, pero o voso silencio será o meu, porque nós, as mulleres e os homes que cremos profundamente na igualdade e que loitamos xuntas e xuntos por un mundo máis digno e mellor, non necesitamos o ruído, e menos dos que utilizan cargos públicos de representación da cidadanía. 
Porque nós temos claro que o berro máis forte é o que nos levanta cada mañá para subirnos ao lombo da nosa liberdade e saír a rúa sentíndonos poderosas… a pesares dos que aínda non se decataron de que o 8 de marzo este mundo cambiou, que as mulleres somos as axentes de cambio do noso propio proceso de empoderamento e que hai tempo que levamos as rendas da nosas vidas. 
Non son tampouco unha inxenua e sei ben que o proceso será longo. Aínda que teño natureza optimista, son moitos anos de aguantar insultos e ataques machistas polo feito de ser muller, polo feito de que, como moitas, un día tomei a decisión de dar o paso ao traballo político. E algúns, cada vez menos pero aínda seguen aí, non o soportan. 
Polo tanto, non é o primeiro ataque, o primeiro insulto e tamén sei que tampouco será o último, nin para min, nin para moitas mulleres. Por todo iso a concentración é vosa, é de todas e todos. E grazas, mil grazas pola vosa sororidade, a delas pero tamén a deles, tantos homes que dixeron basta e sumáronse a esta loita, a máis digna que pode ter unha persoa: ser quen ela queira e como ela queira. 
Estou orgullosísima das mulleres desta provincia porque saben que ninguén te da poder, que o poder o tes que tomar. Sodes as mellores. 
E aos do ruído, e aos que amparan ese ruído, simplemente dicirlles que, como dixo a escritora Ayn Rand, “a pregunta non é quen vai a deixarme. A pregunta correcta é quen vai a determe”. Farédelo vos? Non creo, porque non os imos deixar.

Non son eu, somos todas

Te puede interesar