Da inoportunidade

Empezamos os días como rematamos os anteriores, co relatorio de expansión do virus e do seu grao de incidencia no  mundo. Unha labor ardua de moitos profesionais, que recollen o principio esencial de manternos informados, e co compromiso de ofrecernos unha información veraz e contrastada. 

Maioritariamente ven sendo así.  Pero cada día que pasa, unha maior porcentaxe de opinión forma parte da composición estrutural das novas ofrecidas. Especialmente a través das cadeas de televisión que anuncian, pola súa conta e risco, as cousas máis peregrinas. Caben dende as teorías da conspiración, ata discutir a ciencia, pasando polo din que dixeron que un dixo. Empeza a ser un esforzo xigantesco discernir entre o oficial e o oficioso. Pero destaca un feito: gaña enteiros e peso o Estado e o público. E Sánchez acrecenta o seu status. Hai quen pon un especial empeño en alarmar dun modo apocalíptico.  E tamén quen intenta réditos políticos onde só cabe a unión ante un inimigo común.

Xestionar a realidade que vivimos ten un elevado nivel de complexidade –todos podemos velo na nosa propia realidade do confinamento– e aplicar teorías e castigos divinos, a touro pasado, son recursos de xogadores de vantaxe. Non se pode xulgar un acontecemento cos ollos do presente, senón no contexto no que as cousas suceden. E non poden falar de carencias, os que tanto traballaron para desmontar o público. Todo ten o seu tempo, indica o Eclesiastés, e abandonar a inoportunidade ante o tamaño descomunal do desafío que temos diante, é un signo elemental de intelixencia. 

Descubrir a nostalxia, foi unha consecuencia máis de sentila –dixo El– o latexo esencial que definía as secuencias que habitamos, dende a admiración inicial ata o afecto enraizado e incesante; ou a definición das liñas paralelas ou a estética da sucesión das horas en escorzo... Sentila, foi a semente elemental de moitas primaveras...

Da inoportunidade

Te puede interesar