Das mentiras nada piadosas

Moitas cousas se teñen dito de Cristina Cifuentes, pero non lle demos  creto suficiente a algunhas delas. Tendíamos a pensar que había esaxeracións de parte, nalgunhas das cousas que airearon os medios. 
Pero non, resultou que os medios dixeron a verdade e nada máis ca verdade. Ademais, o descoñecemento da ex Presidenta no referido aos procedementos, ás indemnizacións, duración dos pagos etc,  sorprende enormemente. A non ser que pretenda crear bulos conscientemente, para tratar de envolverse no de todxs os políticxs son iguais. Cousa que, ademais, é radicalmente falsa. Chegar a semellante nivel de engano, deshonra e incapacidade, é realmente difícil. 
Pero de verdade Cifuentes, cres o que dis? Realmente tes tanta mala idea, ou tanta curtidade de miras? Acaso non sabes que as mentiras e a mala fe pagan prenda? Ademais rematan por asentar a idea de que representas o mellor modelo da absoluta incompetencia.  Incluso o de que chegar a altas responsabilidades non implica nin capacidade, nin coñecemento. Da vergoña allea comprobar que realmente di esas mentiras así, sen anestesia nin nada, e as sube ás redes sociais sen encomendarse a Deus nin ao diaño. E mesturando na mesma frase honestidade e outros termos que realmente non está acostumada a conxugar. Non hai nada peor que intentar reivindicarse continuamente sen argumentacións contrastadas e sen os deberes feitos. Primeiro porque sabemos que foi collida en falta varias veces. E segundo, porque nunca pediu perdón... O peso do pasado pesa moito máis que aquelas Sixteen Tons que cantaban os Platters.
As veces os insomnios teñen horizontes altos, coma horas escuras de fronteira -dixo El– e  brisas construídas coas medidas dos xestos inocentes que habitamos... Sentirte ten caricias e segredos abeirados aos puntos cardinais dos teus ollos...

 

Das mentiras nada piadosas

Te puede interesar