Das perversas imitacións

Os efectos imitación xorden e se multiplican. As famosas réplicas que coñecemos dos movementos sísmicos actúan tamén na vida e, tristemente, asistimos  a episodios de repetición destes dramáticos feitos, cometidos por outros novos descerebrados, algúns deles menores de idade, que se fan chamar a nova manada. 
Gravan, suben ás redes e consideran unha fazaña para enmarcar e difundir o que é un grave delito que debe ser penado coa dureza que a lei determina. Un grupo de menores, asalta e abusa de dúas rapazas. Ata nas sociedades máis avanzadas, hai que facer inxentes esforzos de formación en valores. 
Houbo quen se burlou e fixo escarnio público daquela materia  de Educación para a Cidadanía, cando o respecto, a tolerancia, a igualdade de dereitos e a formación en xénero deberan ser aspectos transversais en todas as facetas da vida. Non se pode construír sobre bases de area, é preciso facer cimentación e buscar un chan sólido e firme. 
O machismo que pensabamos superado non só nin o está senón que fáltalle moito para ser residual. Non hai maior inxenuidade que pensar que nunca haberá delitos nin delincuentes. Pero é sabido que os grupos, as manadas, incrementan notablemente o nivel de estupidez cando se xuntan. 
A formación axuda a crear conciencias cívicas, pero é necesaria toda a sociedade e as institucións. A xenofobia e o racismo invaden Europa. A insolidariedade e a falla de Humanidade, marcan as decisións políticas e non só en Italia. E demasiada xente e demasiados gobernos, miran xa para outro lado.
Nunca deixarei de crer en ti –díxolle El– porque sempre foron de verdade os universos que habitan nos teus ollos. Sempre tes palabras de abrigo e versos protectores. Contigo, nunca será  inverno...

 

Das perversas imitacións

Te puede interesar