De climas e desacordos

En Madrid falan do clima. Pero semella que cada país entende as prioridades e as urxencias de xeito diferente. Cada un deles ve a palla no ollo alleo. 

E así non hai maneira. Todos os países entenden o problema, denuncian a urxencia, comparten a preocupación, pero cando chega a hora de asinar e acordar, sempre hai intereses particulares e sectores estratéxicos que defender, que imposibilitan calquera unanimidade. Semella que levaran distintas velocidades. 

Uns queren ir a ralentí, e exixindo compensacións económicas por non sei que perdas, e outros queren acelerar  a marcha porque a urxencia non admite máis demoras. España pretende avanzar máis rápido, reducindo os prazos que se asinaran no Acordo de París. 

Pasamos daquelas desafortunadas teses do primo de Rajoy, a unha concienciación de que hai un problema común que hai que resolver no curto prazo. Quizás teña que ver con este posicionamento, a existencia dun Ministerio de Transición Ecolóxica que denuncia que a situación medioambiental non pode maquillarse máis. Os países pobres queren pedirlles contas aos países ricos por todos os abusos cometidos; unha acusación de evidente xustiza, pero o feito de mirar cara atrás con ira, non serve para frear ou reducir o avance das emisións, conter o quecemento global ou calquera dos demais desafíos medioambientais que nos toca vivir. 

Falar de retrasar o obxectivo 2020 ao 2023, é o relato dun fracaso que se vía vir. A pesar da grandeza dos discursos globais, o insuperable muro da realidade socioeconómica de cada país, é cada vez máis alto e máis infranqueable. E así, como acertadamente canta Rosalía, malamente...

Habito versos construídos coa  densidade da pedra ou a fondura do mar –díxolle El– habito preguntas e feridas ou ventos cargados do salitre pegañento das partidas... ou versos baleirados definidos nas despedidas mínimas... coma adeuses escritos en minúsculas...

De climas e desacordos

Te puede interesar