De crises e fuxidas.

Se entendemos a crise como unha ruptura da normalidade, como unha quebra do normal decorrer dos acontecementos, compartiremos o feito de que vivimos tempos revoltos, e que están lonxe de rematar.
A corrupción que non cesa nin se esgota, só cheira e sorprende polo excesivo e recorrente, recibe diversos nomes en función do lugar e da orixinalidade do responsable policial de terno. Na praxe política, as dimisión son escasas, como as colleitas tralas xeadas a destempo, e sen embargo, acompañan a súa excepcionalidade coa teatralidade e dramatización do pobriño de min, que era o responsable pero alleo a todo o que ocorría.
Houbo algúns fenómenos, no amplo recorrido da corrupción no país, que con aquilo de que pasaban por alí, tiveron fortuna e zafaron. Claro que, convenientemente axudados por peóns ( interesados) dos poderes políticos que precisaron tapar moito, para poder salvar as vergonzas e as contas cifradas en paraísos fiscais. As mensaxes entre Ministros, Secretarios de Estado e imputados, os avisos de estar sendo investigados, e as reunións con implicados en pleno proceso, pon en evidencia que algo falla, que algúns controis non funcionan ou, o que sería peor, que hai unha certa lasitude ante determinados personaxes da mesma corda.
O dos Pujol é escandaloso e as ameazas, manipulacións e o envolverse en bandeiras para xustificarse denunciando persecución ideolóxica, xa cheira a podre e produce náuseas. Hai outras crises, entendidas como conflito non resolto, como as derivadas do paro que non cesa, da falla de oportunidades...Tentación de fuxida... Lembrou o de Queda para sempre na miña illa, que dixera o poeta...e sorriu sabendo da maxia e da esperanza que sempre viven nos versos...

De crises e fuxidas.

Te puede interesar