De éxitos e sorpresas

Unha vez máis a expectativa non coincidiu coa realidade e mollouse a pólvora da poderosa santabárbara do buque insignia socialista. Demóstrase así que a suma de moitas caras e fotos dos exalgunha cousa non sempre implica maior número de apoios nin éxitos sen baixar do autobús. 
Nin sumando amplas e diversas executivas territoriais, aparatos orgánicos, fomentadores de opinión, nin medios de comunicación afíns se garante en modo algún o éxito nos avais nunhas primarias que teñen como virtude a libre aposta de cada militante polo candidato que considere que mellor lle representa. 
As primarias socialistas sempre estiveron cargadas polo diaño. Sempre lle estoupou nas mans a quen pensou en telo todo controlado. Dende a sonada vitoria de Borrell sobre Almunia, as sorpresas formaron sempre parte da paisaxe destes procesos. 
Nada hai máis claro e imprevisible, ao mesmo tempo, que a vontade dun militante cando pode optar ou elixir libremente sobre a súa idea do que debe ser o partido e a súa dirección. 
Daquelas estratexias da xestora cunha demora evidente en poñer en marcha o proceso para elixir nova executiva, intentando desgastar a imaxe dun Pedro Sánchez, recen apeado pola forza da secretaría xeral, chegan probablemente estes resultados. 
Era evidente que Sánchez non estaba morto nin derrotado. Menosprezar aos rivais, do mesmo ou de distinto signo, arroxa sempre resultados inesperados. 
Agora Díaz di que algúns están felices por quedar segundos. Sánchez di que a humildade é socialista, a soberbia non. Hai moito en xogo, sobre todo para os que teñen moito que perder. Algúns din que é momento de evidenciar abrazos. Outros temen que poidan ser de oso... deses que abrigan moito, pero de tan efusivos, afogan.

De éxitos e sorpresas

Te puede interesar