De virus e outros males

É o que teñen os invernos. As condicións climatolóxicas, as  calefaccións excesivas e os contrastes de temperaturas, provocan contaxios masivos de gripes e catarros e outras epidemias que ameazan con chegar dende oriente. Ademais fenómenos meteorolóxicos como o Gloria recén sufrido, anuncia que a forma de concentrar efectos dramáticos, chegou para quedarse. 

Nestes días, o chamado coronavirus, con berce e adn chinés, fai que miremos con temor e asombro a un país, onde xa máis de 40 millóns de persoas están en corentena, para evitar contaxios aínda máis masivos. Novos formatos de epidemias que activarán a investigación  dos laboratorios e axencias, para evitar os seus ameazadores efectos. 

Os outros males, os nosos, os que levamos sufrindo de maneira continuada cada vez que un goberno progresista obtén o goberno, eses son fariña doutro costal. Vox quere afianzar o seu protagonismo e utiliza calquera recurso para xerar incertidume e desconfianza na cidadanía, moi especialmente na máis desinformada. 

E para elo tanto lle serve un roto coma un descosido. O deles é sementar odio e confrontación, incluso a costa de negar a realidade e pretender vivir nunha burbulla de aillamento, para non verse salpicados polo mundo real e a sociedade real, aquela da que foxen coma se manchara, mordera ou cheirara. 

Non lles sería doado se o Partido Popular se plantase ante os excesos radicais, pero fai o contrario, compra o seu discurso. Así cae na trampa, perde a centralidade e entra no corpo a corpo da radicalidade, incrementando exponencialmente o ruído. Postos a vender excesos, o orixinal sempre venderá máis ca copia.

Agardarte foi a obediencia máxica para acender os días –díxolle El– evitando o deshaucio das emocións máis simples. Acaso, a consecuencia do verso silencioso ou do incendio tralo lene roce do teus dedos...agardarte é sempre, un nostálxico exercicio de presente...

De virus e outros males

Te puede interesar