Dos lumes e das choivas

Por fin chegaron as choivas. Que sensación de abrigo produce escoitar o son monótono e repetido, de evocacións tan machadianas, da choiva nos cristais. Na nosa casa, os incendios volveron e trouxeron da man, destrución e morte. Sufrimentos de familias, tráxicos falecementos e importantes perdas de medios de vida e tamén da esperanza en que este negocio do lume, remate para sempre.

E segue o conflito en Cataluña. A loita entre os que non quixeron ver e os que seguen sen querer escoitar supera en cada acción os límites das liñas vermellas da acción anterior. Dicía unha amiga que este problema é como o dos números complexos, porque ten unha parte real e outra imaxinaria. O certo é que estamos xa nese punto que definira o famoso Equilibrio de Nash. Xusto no momento no que cada xogador ten adoptada xa a súa mellor estratexia e coñece a estratexia dos demais.

Ademais, ningunha das partes ten incentivo algún, para proceder a modificala. Tamén se coñece como a estratexia do medo. E neso estamos. Enrocados nunha xogada que non leva máis que a aplicación do artigo 155. Como afirmou Tajani, o respecto ao dereito non é opcional.

E sorprende a falla de realismo, e as mensaxes trucadas do non pasa nada aínda que marchen empresas que intentan vender Romeva, Junqueras etc, dentro e fóra das nosas fronteiras. A opción dunhas novas eleccións en xaneiro semella a mellor medida. Un cambio de guión e un radical cambio de actores é ademais de necesario xa urxente.

Grazas, díxolle El. Pola ilusión? Pola tenrura? –Preguntou Ela– Por botarte de menos? Por facer do feito de sentirte unha cálida explosión encadeada de sentidos, respondeulle El.

Dos lumes e das choivas

Te puede interesar