Dos veráns da memoria

Rematan as vacacións. Eses tempos que  obran o prodixio de facernos crer seres libres e  independentes dos horarios regrados. É un tempo que, ao contrario da auga, ten olor, color e sabor. E memoria. 
Deixamos gravados na nosas neuronas imaxes emotivamente vivas, que sempre provocan un sorriso ao evocalas. Lembranzas con valor engadido, a medida que o tempo insiste en empurrarnos vida adiante. Baixo o dominio absoluto da calor e as pandillas, xogabamos nas rúas, os días medían máis e poucas cousas eran imposibles.  
E  gardamos deses tempo as pulsións  máis elementais, as de sentir, aprender e descubrir. Os veráns cheiran a praia. A salitre e bronceadores de diversos aromas. Cun arrecendo forte a   eucalipto e loureiro que impregnaban o ar, e bordeaban os camiños da baixada suave e continua, dende a carreteira ata a praia. As cores eran brillantes e intensas. 
As das toallas  multicores,  os bañadores, pero tamén as dos flotadores, as sombrillas, as barcas, o cubo con pala, e os socorridos colchóns multitarefa. Eran tempos de foguetes. 
Anunciaban unhas festas que para nós, eran continuas, e culminaban cos fogos e a batalla naval. Os veráns sabían a comidas de festas familiares excesivas, lambetadas, rosquillas,  améndoas garapiñadas e xeados. 
A barquillos que voceaban nas praias ao berro de “ao rico parisién” e que triunfaba despois, da obrigada merenda de froita e bocadillo. E sempre o son alegre e o volume excesivo das verbenas. Pero sobre todo, a sensación cálida e íntima de que todo era perfecto, de que nunca nada podería saír mal. Despois, chegaba a vida falando noutros termos...
Sabes? –díxolle El con tenrura– sufro intolerancia grave á túa ausencia... Non sei se  dicirche que quererte, faime amplamente vulnerable, especialmente  fráxil...e fondamente  feliz...

 

 

Dos veráns da memoria

Te puede interesar