DOS MEDIOS E DAS MENSAXES

A sistimos a unha campaña, onde algúns dos seus episodios, acadan o nivel de acontecemento  mediático. Tamén, paralelamente, asistimos  á resurrección da televisión, como elemento vertebrador e piar fundamental, na difusión das mensaxes políticas. No tempo do dominio absoluto das redes sociais, instantáneas e intercomunicadas global e mundialmente, os grupos empresariais que dominan as programacións televisivas, levaron o gato á auga. 
Un debate a catro, anunciado en primetime, durante semanas, e un postdebate do que se bota man, aínda moitos días despois. Uns candidatos que encabezan partidos, con representación no Congreso, e outros con proxección, pero sen presenza nas Cortes Españolas.  Primeira vez na historia. E quedan fóra outros con presenza histórica nas Cámaras. Unha audiencia que acadou o nivel de efeméride, e onde unha serie de estratexias preelectorais, semellaron quedar evidenciadas.  O slogan: Todos contra Pedro Sánchez. Ese foi o cerne básico, poñendo así de manifesto, os intereses primordiais de cada un dos grupos. 
Non importa quen gañou, ou quen quedou moi por debaixo das expectativas xeradas. A suma de intereses, uns por querer ser os referentes da esquerda, e outros por eliminar  da carreira a quen sentían,  demasiado cerca, quedaron clarificadas nas valoracións dos partidos, e nas opinións dos gurús mediáticos. Sánchez estivo á altura, para fastidio  dalgúns, que agardaban o contrario. E o máis vergoñento e abraiante, un presidente agochado e fuxido, que en lugar de quedarse calado e nun segundo plano, fala publicamente como se fora normal, de quen gaña ou quen perde.
O único perdedor foi Mariano Rajoy, quen manifestou covardía, medo escénico ou, o que aínda é peor, falta de respecto á cidadanía no seu dereito de coñecer e escoitar, as súas xustificacións e as súas propostas.

DOS MEDIOS E DAS MENSAXES

Te puede interesar