As palancas e Montoro

E de súpeto, Montoro transformouse en Arquímedes. “Dádeme un punto de apoio e moverei o mundo”, berraba como un tolo ante a indiferencia xeral. Vai resultar que todos os problemas da economía española, viñeran por culpa de non ter un punto de apoio axeitado.  E unha vez descuberto o principio, a aplicación práctica é unha mera consecuencia elemental. E así, descubrimos que as familias “desempalancaron” 50.000 millóns de euros, e as empresas “desempalancaron” outros 200.000 millóns. Tamén, manifesta que seremos os campións de Europa en crecemento da economía no 2015. O certo é que a física de Montoro,  choca de fronte coas magnitudes que manexan os Organismos Internacionais. España é unha das economías máis endebedadas de Europa. Descoñecemos a xestión que fai Montoro das variables de Arquímedes, a saber: a potencia e a resistencia, para poder determinar con garantías a idoneidade, ou non, da súa formulación. Máis, semella que os datos que nos están a vender, representan un  espellismo estacional, que non consolida un cambio real da situación dos indicadores económicos do país. 1.830.000  familias con todos os seus membros en paro. En 740.500 fogares non entra ningún ingreso. Seguen os desafiuzamentos. O paro xuvenil baixou, pero está no 53,1%... e seguen a falar da redución do Salario Mínimo...
Conmove mirar ao ceo. Nestes días, entre ataques aéreos, accidentes e a desaparición dun avión (con tripulación española) en Mali, unha dramática traxedia cae sobre centos de familias de todo o mundo. Hai accidentes que perdurarán na memoria colectiva como ferida de todos, e que doerá sempre na véspera do Apóstolo, en Angrois. E hai sen sentidos terribles, como o avión de pasaxeiros abatido por mísiles. Mortes gratuítas e inxustificadas. Nunca máis.

As palancas e Montoro

Te puede interesar