Para Chus García Piñeiro

Sempre soan diferentes as aulas e os corredores cando corre a noticia de que un profesor do Centro faleceu. Semella que coa morte, arrastran tamén parte da realidade e a memoria educativa dun Instituto e de varias xeracións de alumn@s, que compartiron con ela emocións, intencións, descubrimentos  e aprendizaxes.
Faleceu Chus, a Profe de Historia do Asorey, que tamén compartiu aulas no Cabanillas. En Cambados, un amplo manto de loito cobre o Ensino Secundario.  E aínda non somos quen de asumir a triste nova, a pesar de coñecer a loita desigual que, novamente, mantiña contra o cancro. Chus García Piñeiro sempre foi unha loitadora. Dotada dunha afouteza interior poderosa, e cunha capacidade titánica para resisitir  as dramáticas xogadas coas que a xenética marcou a lume a súa familia. E sempre coa ollada limpa dos seus ollos azuis que miraban de fronte e que, as veces, cubríanse de bágoas ao falar das memorias e das ausencias da súa vida. 
Os que tivemos a fortuna de coñecela e de compartir aulas e vida con ela, sabemos da súa  entrega e dedicación vocacional ao Ensino, do seu amplo sentido de responsabilidade e de compromiso para axudar a construír Centro e facelo nas mellores condicións de calidade e convivencia. Todo o que tiña, a súa enfermidade, e o que sentía e sufría en carne propia, quedaba en segundo plano cando o timbre daba inicio á chamada das clases, con esa proverbial enerxía que sempre a definía e dese humor irónico que sempre a acompañaba...
Nunca te irás do Asorey Chus, compañeira de Historia, amiga de tantos anos e confidencias... Aquí  quedará sempre a túa memoria, subindo a clase, sorrindo e co globo do mundo na man... quedarás para sempre como exemplo de dignidade e compromiso.
¡Que a terra che sexa leve!
IES Francisco Asorey.

Para Chus García Piñeiro

Te puede interesar