De remates e principios

Remata un ano.  E o feito do tránsito cara un tempo novo, ten un algo de ritual, un certo carácter máxico. Tamén,unha carga adicional de esperanza.  O tempo circula impasíbel, e deixa as súas pegadas nas nosas historias, individuais e colectivas. Somos o resultado dunha suma de factores diversos.  Onde a memoria, a formación e os afectos, teñen un papel protagonista. E onde cada innovación, experiencia e descubrimento, ten o seu espazo, e influíron nos cambios que fixeron de nós o que somos. E na tarefa colectiva, axudaron a mudar, a transformar e a facer case irrecoñecíbel, esta sociedade que hoxe nos define. Os éxitos e os fracasos das nosas Institucións e das nosas Leis, foron tecendo as redes complexas de dependencias, de necesidades ou de suficiencias que definen estes tempos de incerteza e de constante dificultade. Moitos cambios apareceron, no horizonte deste tempo que remata. Cambios que semella, continuarán no novo tempo. Ameazas de radicalizacións, de conflitos ou de ascensos de plantexamentos  políticos que, xa noutros tempos, aportaron malas leccións e deixaron malas memorias.
Tamén de violencias e de mortes que nunca deberan terse producido. Continuaron as inexplicábeis violencias de xénero. As mortes diarias de mulleres a mans das súas parellas. E as tensións na convivencia no seo da Unión Europea, co Brexit como máximo expoñente de ameaza e ruptura. Todo cambia e nada permanece, asevera un vello aforismo. Pero o cambio é o motor da Historia, e a transformación constante, o símbolo do progreso humano que nos trouxo ata este punto. Polo tanto, un tempo novo chega. E con el, ten que necesariamente chegar a Esperanza.  A plena e necesaria convicción, de que o mellor, está sempre por chegar.

De remates e principios

Te puede interesar