De Sánchez e outras esixencias

Choven demasiado zascas sobre Pedro Sánchez. Tantos que fai pensar que deixaron de ser unha casualidade. Así, unha parte importante da militancia percibe que, no entorno oficial, hai moito temor e desconcerto pola batalla que dará comezo en breve. Descoñecemos como estarán as tropas de Susana Díaz, pero o que sabemos é que segue sumando xenerais a súa causa. Aparecen novos e vellos ex-presidentes, cargos de etapas anteriores, presidentes autonómicos...

Ás veces semella que son demasiados xefes e tamén demasiado explícitos e locuaces. O que non casa ben coa tan anunciada, demandada e proclamada esixencia de neutralidade ante procesos internos. Lembran aquilo de que aquí somos todos iguais, pero algúns máis iguais que outros? Agora se lle prohíben seguir adiante co crowdfunding, as aportacións voluntarias dos seus seguidores, para financiar a campaña. Sánchez está fóra do aparato orgánico, da executiva, do Congreso e da política activa, vive dos seus recursos... cal é o problema? Xera tanto temor en tantos cargos institucionais? Hai quen volve a asubiar baixiño (polo momento) aquilo de quen foi a Sevilla perdeu a silla...

E hai tamén quen afirma que en toda organización hai máis soldados que xefes e que aí radica unha das causas básicas do medo escénico oficialista. E que por iso pretenden actos con gran carga de figurantes e moita parafernalia para asentar ideas de unidade e cantidade. Pero Susana vai ir á guerra con mochila: simultaneando cargos e sendo presidenta dunha comunidade. O que a moitos non lle gusta e outros interpretan como levar paracaídas polo medo a perder... O teu é moito Susana, din que lle dixeron nun acto, ¡a ver se pretendendo sumar acabas restando!

De Sánchez e outras esixencias

Te puede interesar