Seguimos igual

Van caendo as follas deste caduco e previsíbel calendario, e nada deixa entrever que alguén teña a intención de mudar, de modo significativo e substancial, o seu  punto de partida. E máis alá de frases sacadas do manual de estilo de cada grupo político, nada presaxia que poida cambiar o marco de relacións e equilibrios, que ata hoxe define a liña do horizonte do noso día a día político. 
O único e sorprendente ( ou quizás non tanto) punto de coincidencia, entre partidos e  medios de comunicación, é aquel que insiste en  botarlle a responsabilidade enriba,  de que haxa ou non goberno, ao Partido Socialista de Pedro Sánchez. E todo elo, sabendo que corresponde á forza máis votada, o esforzo de comunicación, relación e convencemento doutros grupos, para  poder ser investido Presidente. 
E semella que Rajoy non está a poñer toda a carne no asador. Ao mellor, debería ter en conta a cidadanía que cando un grupo non é capaz de acadar acordo algún con ningún outro grupo, é que algo ten que non xenera confianza. Unha sociedade que optou, con claridade, por un Congreso moi fragmentado, non pode escandalizarse pola dificultade de sumar apoios para ser maioritarios. 
E moito menos na opción da esquerda, hoxe misión imposíbel. Se en Decembro estivera ao alcance da man, hoxe máis debilitados e con menos apoios, ven dende moi lonxe como a responsabilidade de gobernar, queda agora nas mans doutros partidos. E coa melancolía de saber que podían levar xa medio ano gobernando, e poñendo en marcha todas aquelas políticas de transformación, que o país e a sociedade precisa. ¡Dios dea a quen botarlle as culpas!

Seguimos igual

Te puede interesar