Tempo de verán

Basta co que o calendario marque a data, e case automaticamente, unha nova mentalidade asoma ao común dos mortais. Semella que todo pesara menos. Que nada afectase tanto. Unha sorte de ingravidez e unha relativización absoluta do que sucede. É como nas programacións insulsas das televisións, todo ten auga, humor, viaxes, desconexións e a menor  roupa posible. Xa poden desaparecer os Partidos Xudiciais, grazas á neocentralización  Gallardoniana, que pasará case desapercibido. Ou a privatización dos Rexistros Civís, que moitos xa anunciamos e  denunciamos, pero chegou como chega o outono e tras el os invernos. Se aos veráns, se lles engade mundiais de fútbol, podemos tragar con carros e carretas, que ata que chegue o frío, non chegarán a reflexión e as preguntas, para as cales xa non servirán as respostas. Rajoy, e o seu Goberno, coma sempre, fincando os pés na maioría absolutísima,  aproban un decreto para o impulso da economía (din eles) sin debate nin enmendas, que supón a modificación, de golpe e plumazo, de 27 leis. Un ordeno e mando sen apoio de ningún grupo político, pero que evidencia o mesianismo atávico de Rajoy. Acaba o curso político e Rubalcaba xa é historia do PSOE e do Parlamentarismo español. Os mesmos que o botaban de máis, agora bótano de menos. A pugna pola Secretaría Xeral, non é nin tan limpa nin tan amigable como se vendía. Como corresponde ás loitas de veteranos gladiadores, pero hai quen ten estilo e quen carece del. O importante é o empeño en conectar coa sociedade. Empezará un novo tempo que deberá encherse de contidos diferentes. Unha nova sociedade esixe novas fórmulas.  Debemos construír un novo Estado Social. Con todos e para todos.

 

Tempo de verán

Te puede interesar