nestas alturas da película, ven a colación aquilo que declara o noso himno: os tempos son chegados. E efectivamente, a pesar de ser executada a sorte con paradiña, coma fan os grandes dianteiros, estamos, finalmente, na xornada electoral. Curiosamente con algunha medida de confinamento particular e patria, a da Mariña Luguesa, onde Sanidade receita 5 días fronte aos 14. Unha fórmula que semella non estar patentada nin homologada en ningures. É outra versión do nin vou alá nin fago falla, o qwue aplicado a tempos electorais significa que non se perda ningún hipotético voto. E que pasará no luns despois do domingo electoral? Haberá peches máis amplos e adaptados ás normas legalmente establecidas? E se isto sucede e/ou empeora, a quen se lle esixirán responsabilidades? Cando a xestión da pandemia estaba no Goberno Central, o nivel de esixencia das Comunidades era do cento por cento. Agora que é das Comunidades, regresan as desculpas de mal pagador: nós non sabiamos, non agardabamos que isto sucedera; non estamos preparados ou non nos dan medios. Mentres, os Centros Escolares seguen sen protocolos para iniciar o vindeiro curso escolar. A brecha dixital segue ser estar resolta e a dotación de ordenadores ao alumnado de ensino obrigatorio, segue sen adoptarse. Os Centros de Saúde tampouco teñen máis persoal e recursos. A Xunta sempre agarda que suceda algo, para que alguén resolva e así poder saír adiante cos recursos alleos, pero protestando iradamente na TVG, polo que en Madrid resolven sen preguntarlle e que ademais, nunca é suficiente. Hai traballo arreo e fan falla iniciativas para resolver presentes e futuros. O luns será outra vez, un tempo novo.
Sentirte faise eco pouco a pouco –dixo El– como pechar as horas ou amencer nunha cidade distinta. Hai un indicio fráxil de fracaso na distancia... Acaso tan só os versos nos salvarán da vida...