Canta mentira, Salomé

A principios do ano pasado, benquerida Salomé, tivemos que montar unha oficina temporal na casa de cultura de Ribadumia, con tres persoas e os correspondentes equipos informáticos para poder axudar a unha parte da nosa veciñanza que, debido a unha decisión do Partido Popular alá en Madrid, repito en maiúsculas, debido a unha decisión do Partido Popular, tiveron que rexistrar todo tipo de construcións auxiliares, dende galiñeiros a garaxes, pasando por piscinas e, nalgún caso, simples terrazas. Todo ese proceso nin sequera era gratuíto, pois o estado, e insisto outra vez, o concello non, o goberno do Partido Popular,  cobraríalle a eses veciños e veciñas afectadas da orde de 60€ polo trámite, enriba do recibo o IBI, por suposto.  E a partir deste ano, toda esa xente ten que pagar os recibos actualizados, coa inclusión desas edificacións auxiliares. 
As veciñas e veciños afectados saben isto porque xa o ano pasado dende as oficinas que montamos expresamente para este tema, llo explicamos. E se alguén ten dúbidas, so ten que vir polo concello e encantados lle aclaramos o que sexa preciso, como precisamente cho explicamos a ti fai uns días -  inda que deberías sabelo- cando viñeches polas instalacións municipais a preguntar por este tema. Algo que se pode facer agora, por certo, que o servizo de recadación é municipal.
Que teñas agora a cara dura de saír na prensa dicindo que o goberno municipal está subindo os recibos do IBI é evidente que obedece unha estratexia política baseada na mentira e no engano.
Salomé, deixa xa de enredar á xente con mentiras e demagoxia de baratillo. O goberno de Ribadumia non lle subiu o IBI os veciños, foi o Partido Popular quen atacou a nosa veciñanza, facéndolle pagar ata pola caseta do can. 

Canta mentira, Salomé

Te puede interesar