Non chega con andar de paseo

Esta semana miramos na prensa a nova de que o candidato local do Partido Popular de Ribadumia foi de visita a xunto o Conselleiro de Medio Rural. Parece ser que foi alá a contarlle o que o Conselleiro xa sabe, que o proceso de concentración parcelaria  de Lois-Montes de Ribadumia vai moi lento. Ata aquí todo normal. Tamén foi bastante normal, para a nosa desgracia, a resposta que recibiu o señor Vázquez, que ven a ser a que outros recibiron antes e volveran recibir, e que se resume nunha celebre frase do señor Aznar: “estamos trabajando en ello”. Ou sexa: todo sigue e vai seguir igual.

O PP local insiste en querer facerse o interesante e tenta aparentar que é a vía para solventar as nosas problemáticas pero, como no caso dos problemas do noso centro de saúde cando a antecesora do señor Vázquez foi correndo a facerse unha foto co xerente do EOXI do Salnés-Pontevedra, obvia o máis evidente, que é aportar as solucións aos problemas. Benquerido Martín, non chega con ir de paseo e facerse unha foto chula nun despacho. Hai que solucionar. E a realidade é que vos, que presumides de ter o apoio do voso partido, resulta que conseguides a foto e moita boa predisposición, pero ningunha solución. Pois para iso non nos facedes falta e sería bo que se non sodes capaces de lograr resultados, cando menos non fixerades perder o tempo á xente e que deixarades de mentir,  enganar e asumir compromisos que non podedes cumprir. Tamén podiades ser políticos competentes, mostrar algo de interese real polos problemas da nosa veciñanza e asumir que este tipo de cuestións só se solucionan sumando forzas e exercendo presión conxunta. Seguramente se en lugar de pasear e facer fotos pola vosa conta optarades por traballar en conxunto con outras forzas, entre todos poderiamos conseguir bastante máis. Neste aspecto, a miña porta sempre estivo e estará aberta.

Non chega con andar de paseo

Te puede interesar