Non cola, Luís

primeiro, Luís como dis que non coincidimos no Concello, se ata nos fixeron unhas fotos chulísimas que o demostran? Non Luís, non cola. Non cola que me queiras poñer por vago, como tampouco colan as acusacións mal disimuladas de machista que me dirixes. Contra a túa demagoxia, e as túas falsidades, aportareiche algo mais sólido que un comentario: feitos. Apoio á creación e ó traballo diario de ESMAR, Plan “Conta Comigo” de apoio as vítimas de violencia de xénero, outro plan de apoio a fillos de vítimas, actividades de prevención do acoso escolar, ciclo de actividades, exemplar na comarca, no Mes da Diversidade, redución do número de familias en exclusión social, charlas de todo tipo, aumento do convenio con BATA, organización de eventos solidarios... E nomeo cuestións relativas a só unha das áreas das que son responsable, servizos sociais, á que ademais lle aumentamos os recursos dende que son concelleiro. O que non mirei eu neste tempo foi o Partido Popular apoiándonos ou cando menos participando en nada disto, máis ben todo o contrario.
Pero unha cousa puxeches de relevancia a semana pasada, nun artigo bastante soso en canto a contido, anque abundante de insultos velados. Hai unha enorme diferencia entre a túa postura política e a miña. E iso paréceme algo importante.
Cando pos de relevancia que a túa “categoría”, ou a da túa compañeira Salomé, se define pola vosa carreira universitaria, estasnos dicindo aos demais, que como non temos carreira non valemos nada. Iso é clasismo do máis rancio, a parte de ridículo, e supón unha falta de respecto para moitos veciños e veciñas. Queda claro que máis de dereitas non podes ser.
Queda claro, para o caso de que houbera dúbidas, que para ti vos sodes os de arriba e nos somos os de abaixo.
Pola miña banda, en contra do teu desprezo, direiche que estou moi orgulloso de terme pagado uns estudos medios e chegar a ser un simple técnico de ascensores, e seguiría estando orgulloso no caso de ter outro traballo, mesmo sen cualificación. De feito tiven uns cantos. Pertencer a iso que vos parecedes denominar plebe, nin me fai inferior nin me impide aportarlle algo a sociedade dende a política, e tamén dende outros ámbitos. Tampouco me impide pillar os chistes, como cando tentas facernos crer que teus pais che pagaron a carreira de avogado por que tiñas vocación de compromiso social … Home, un pouco de seriedade. Cobrando 40.000 euros do PP e inda te andas a pelexar cos teus compañeiros polos 15 euros de cada comisión informativa… demostrando que ti compromiso só o tes cos euros.
Cando contrapós o meu paso por varias forzas políticas (solo deixei dúas, informate mellor), coa túa permanencia relixiosa no PP, partido declarado corrupto, tentas mostrar que ti, que atravesas un proceso de investigación xudicial, es un político exemplar, e eu sen embargo non. A política entendida como a relixión ou o fútbol. Pero, e a ética onde queda? Eu ireime coa cabeza alta de calquera forza política que considere que non defende os mesmos principios que eu defendo, e dende logo non me verás nun partido como o PP que ten a corrupción como norma de funcionamento. Ti, sen embargo, mentres che vaian pagando e mantendo ese aire de clase alta que tanto che gusta, aguantas onde faga falta. Iso non é ser político, ten outra denominación. O triste disto é que por desgracia non es o único que se deixa cegar por esas luces intensas que supoñen os cartos e a imaxe do poder.
Non cola Luís, pero agradézoche a oportunidade. Son consciente de que esta carta é algo dura contigo, pero era necesaria. Os nosos veciños e as nosas veciñas deben ver que en Ribadumia existen dous modelos políticos opostos, o do clasismo da extrema dereita propio de réximes anteriores e do caciquismo, que favorece a uns poucos, e que compra e vende favores e votos para conseguir o poder. E outro proxecto, o de Somos Ribadumia, que nace da propia veciñanza, formado por persoas de todo tipo e que traballamos pensando na maioría, no beneficio para todos, incluído ti.
Dous modelos antagónicos, entre os que haberá que escoller dentro duns meses, definindo o futuro de Ribadumia. Un saúdo.O

Non cola, Luís

Te puede interesar