lunes 23/11/20

Salomé, non chega con levantar a man

A capacidade do PP para romper os límites da demagoxia cada semana  parece non ter fin.

A capacidade do PP para romper os límites da demagoxia cada semana  parece non ter fin. Este pasado xoves tivemos pleno e nel presentamos tres mocións de gran importancia para a nosa veciñanza: unha para apoiar a ESMAR na súa loita por conseguir un Punto de Encontro Familiar, outra para instar á Xunta a dispor dunha ambulancia medicalizada para O Salnés e unha terceira orientada a pedir máis recursos e mellorar a información sobre a Endometriose, un mal que afecta o 10 % das mulleres. Salomé Peña e o seu equipo votaron a favor das tres. Estupendo. Salomé, douvos as gracias por ese apoio.
Pero non chega. Non é suficiente con poñer cara de boa persoa e levantar a man. Deixémonos de contos e propaganda.
 O PP de Galicia aprobou en abril do 2015 a toma de medidas e aumento dos recursos para previr e tratar a Endometriose. E dende o momento en que o titular apareceu na prensa, hai mais de tres anos, nada máis se soubo. O PP deulle as costas a miles de mulleres.
 O PP leva negándose dende o ano 2015 a que O Salnés teña algo tan básico como unha ambulancia medicalizada. Só no verán se achega unha a Sanxenxo. A Sanxenxo, non a O Salnés. Para atender o turismo de gama alta que nos visita, non ás persoas que vivimos aquí todo o ano. 
Na última xuntanza da mesa mancomunada da loita contra a violencia de xénero, a representante do goberno autonómico, muller e, según ela, preocupada polos problemas da  vítimas de violencia machista, deixounos moi claro que a O Salnés non lle correspondía contar cun Punto de Encontro Familiar e, por si acaso, non buscaramos alternativas.
O PP practica unha liña política nos concellos e outra oposta no goberno autonómico. Demagóxico e vergoñento. E Salomé Peña préstase a ese xogo que deturpa o funcionamento democrático das institucións convertendo os plenos municipais en escaparates que ocultan estafas políticas: no canto de aliñarse coas ideas do seu partido e negarse a apoiar estas mocións, faise a feminista, pon cara de santa e expresa toda a súa boa vontade e bla bla bla…  elaborando unha fachada bonita, para que máis arriba, no Parlamento, os seus compañeiros actúen de xeito contrario… Pero nós sabemos o xogo que leva a señora Peña e non imos tragar eses contos.
Benquerida Salomé, se o teu compromiso coa nosa veciñanza, coas mulleres e coas vítimas de violencia machista é ese que dis, que se note. Levanta a voz contra dos teus cando como nestes casos actúan  en contra do que ti dis que apoias,  e que a escoitemos todas e todos. Da a cara. Ou admite de unha vez que ti e o teu equipo, ó igual que o resto de agrupacións locais do PP,  sodes un cero á esquerda no voso  partido que solo estades, tal que soldados rasos,  para o que vos manden.
(*) Voceiro de Somos Ribadumia, tenente alcalde e Concelleiro de Servizos Sociais no Concello de Ribadumia.

Comentarios