viernes 7/8/20

ADOLFO SUÁREZ

Os primeiros recordos que teño de Adolfo Suárez son as mencións

Os primeiros recordos que teño de Adolfo Suárez son as mencións que facían del os vellos, ou persoas de idade como se dia agora, que gozaban cando o goberno comezou a subirlles as pensións, máis coñecidas como subsidios entre os maiores galegos. Así que cada vez que se producía unha chamada ás urnas, moi frecuentes antes de 1982, un mes antes se revalorizaban as pagas para alegría popular. Tamén naquela época os comicios supuñan unha festa no medio rural. As autoridades habilitaban un ómnibus para o traslado ao colexio electoral, lugar que se convertía en centro de reunión e conversa para os veciños do rural, que máis alá de votar confluían nunha festa.
A pegada de Adolfo Suárez foi manifesta no sector de máis idade, como demostraban as anécdotas que se rexistraban nos plebiscitos e eleccións locais ou autonómicas, cando moita xente maior ía votar por Suárez e o presidente da mesa tiña que informar ao persoal de que o político de Ávila non se presentaba para alcalde nin concelleiro.
O personalismo de Suárez en Galicia e a lealdade do seu electorado foi en certo modo daniño para os intereses galaicos por causa da dinámica electoral que permitiu sobrevivir á UCD, primeiro, e ao CDS, despois, nas institucións galegas, cando estes partidos xa desapareceran da vida política. No hai moitos anos, en 2011, o Centro Democrático y Social decidiu integrarse no PPdeG. Aínda así, a selección natural non impediu que, cada vez menos, continuasen os desexos de votar por Suárez en cada chamada ás urnas. Non se lle poden quitar méritos a Suárez no seu traballo, sobre todo por que era o único político que dimitía. De feito, colleulle gusto e renunciou até en dúas ocasións, algo que hoxe en día é impensable, e iso que el non estaba imputado en nada, mentres que os actuais responsables públicos consideran case un honor estar chamados a declarar e a peregrinar polos xulgados.
A verdade é que na época de Suárez os galegos descubriron a suba das pensións e os congresos de vellos a final de mes ás portas das entidades bancarias. Tamén souberon o que era o subsidio de desemprego e facer a declaración da renda cada ano e pagar impostos. Houbo quen soubo do que viña sendo a inflación ou o custe da vida, algo que antes non tiña prezo e os galaicos deixaron de morrer de repente ou de darlle algo á cabeza, para falecer de infarto, ictus e outros males modernos que foron recibindo nome nos primeiros hospitais, onde comezaron as primeiras análises de sangue, que desataron o pánico entre os nosos enfermos con palabras como colesterol ou triglecéridos.

Comentarios