viernes 18.10.2019

aeroPORTO

Tantas veces se fala de que sexa o mercado que regularice os servizos, que cando hai que aplicalo os nosos gobernantes só teñen miras electorais.

Tantas veces se fala de que sexa o mercado que regularice os servizos, que cando hai que aplicalo os nosos gobernantes só teñen miras electorais, como acontece no caso dos aeroportos, dos tres que temos. Así que non entendo o motivo de que haxa rutas que se manteñan abertas cando os avións van baleiros e haxa outras que teñan reservados os asentos a meses de despegar. Eu son dos usuarios de viaxes que hai tempo que deixou de empregar o coche e tiro de avión. Así que cando me da por ir a facer turismo vou á axencia de confianza e sempre, sempre me ofrecen saída da Coruña ou Santiago, con parada en Madrid ou Barcelona e de aí a onde sexa, até que xa farto lles dixen que se había que parar, que me mirasen desde Londres, e se non había que facer transbordo, que contemplasen a opción de descolar desde Porto. A primeira vez que vin os destinos que me ofreceron desde Heathrow e Sá Carneiro dinme conta do grande que era o mundo e máis desde que Iberia cedeu as viaxes transoceánicas a British Airways.
Penso que tres aeroportos en Galicia que ofrecen as mesmas viaxes son un luxo para unha poboación de tres millóns de habitantes e máis cando en época estival, momento no cal os destinos turísticos incrementan as rutas, aquí mantéñense as mesmas. Por exemplo, se veñen centos de chineses a comer polbo no verán, non estaría mal probar a implantar un voo desde oriente até aquí, que con boa publicidade, sería un éxito.
Se xa se conseguiu que miles de xubilados cruceiristas desembarquen para comprar produtos autóctonos –algúns de dubidosa orixe e calidade-, traer asiáticos prestos a embebedarse e como roubar un caramelo aos cativos. E o certo é que Galicia ten moito máis que ofrecer que Porto e a rexión norte de Portugal, pero hai que sabela vender non poñela en liquidación ou de saldo, como sempre acontece con pailanismo atávico que padecemos, moitas veces disfrazado de madriñelismo simplón.
Moitas veces se malgastan os cartos institucionais en campañas para atraer turistas que dan pena. Os motivos polos que se fan non os acerto a entender, pero con eses euros de dispendio poderíase rehabilitar decentemente mil e un lugar que deixaría a miles de viaxeiros coas bocas abertas e eses si que non gardarían o secreto. Por exemplo, un autobús de veraneantes aerotransportados  levados ao castro de Borneiro, limpo de cemento e desbrozado, traerían máis colegas en anos sucesivos que mil impactos publicitarios. Pero claro, os nosos gobernantes están máis interesados en darlle os cartos a catro saltimbanquis estremeños que veñen aquí a facer feiras medievais, que de momento non vin por Porto.

aeroPORTO
Comentarios