miércoles 16.10.2019

Alcaldes multiconcello

Temos os galaicos a habilidade de servir para todo: o mesmo compoñemos un óso roto que redactamos unha lei do solo na que caiba todo, incluso o territorio.

Temos os galaicos a habilidade de servir para todo: o mesmo compoñemos un óso roto que redactamos unha lei do solo na que caiba todo, incluso o territorio. Así que non é de estrañar que haxa homes e mulleres que sexan xogadores profesionais da política, como existen deportistas que cambian de equipo conforme estean de oferta ou sexan necesarios noutros campos ou estadios ou polideportivos.
Non teño ganas de repasar a historia recente das eleccións municipais en Galicia e no conxunto do Reino para realizar unha análise polo miúdo de casos de persoas que foron alcaldes dun concello e despois de outro. Supoño que se trata dunha circunstancia máis reducida que a de cambiar de partido, polo menos non tan habitual. Recordo as críticas que recibiu o PPdeG por enviar a Telmo Martín desde a súa alcaldía perenne de Sanxenxo para Pontevedra a competir na praza do Lérez contra Fernández Lores. Naquel momento falouse de fichaxes de alcaldes con ironía desde os outros partidos. O certo é que o movemento de rexedor non deu resultado.
Tamén foi salientable o fracaso de Pachi Vázquez na súa loita no PSdeG ourensán por ganar a candidatura socialista á cidade das Burgas. O médico xa fora alcalde do Carballiño, así que pensou que xa era hora de progresar, pero os seus colegas de partido non o consideraron válido. E como entre galenos anda o xogo, Martiño Noriega deixará o consistorio de Teo para deslocarse uns quilómetros até Santiago.
O coordinador de Anova lánzase á captura de Raxoi envolto nas ondas dunha marea que se chama Compostela Aberta e pensa quedar os catro anos de lexislatura no consistorio santiagués. No sei se é posible presentarse en dous concellos á vez, pero debería de selo, porque se non gaña nun, tería posto no outro. En todo caso, sempre lle quedará impulsar a fusión de municipios da terra apostólica.
Xa postos a fichaxes de primavera habería que recuperar a Sonia Castedo para Ribadeo, que traería máis glamour ao municipio cantábrico que o pequerecho Nicolás. Total, unha imputación de nada non é motivo suficiente para perder a esa reina das luminarias de Alacante, porque aquí xa estamos afeitos a recoller os restos do Reino e persoas encausadas, como se chaman agora oficialmente aos investigados pola xustiza, poboarán as listas electorais de máis de un municipio.
Tampouco resulta incoherente que un alcalde en activo se presente por outro municipio. A maioría dos rexedores non vive no concello que dirixe, incluso houbo algún que case presidía os plenos desde Madrid e outro nin sequera asistía. Recordo o caso dun elemento a quen o partido lle buscou emprego como cabeza de lista para un territorio que coñecía por ir á praia no verán. As bases locais da formación aceptaron a imposición porque non lles quedaba outra e había que conformarse con ser concelleiro de a pé. Resulta que a fichaxe só fixo campaña un día porque lle garantiron que saía seguro e atinaron só lograron dous edís. Creo que nin sequera apareceu a tomar posesión. Así que ollo cos alcaldes multiconcello.

Alcaldes multiconcello
Comentarios