Cregos escravistas

Na época da vendima o cura de Caamouco daba orde aos seus súbditos de que lle fosen coller as uvas de viño romano do seu emparrado. Ducias de fieis servidores acudían á chamada sen salario nin xornal a cambio. O crego levaba unhas follas dentro dos seus libros santos onde anotaba as barricas que enchía unha vez finalizado todo o proceso vitivinícola.
A variedade de uva romana non é moi dada a grandes cantidades  de líquido resultante e máis naquela época, polos anos cincuenta do século pasado, onde o único coidado que recibía era a benevolencia do astro rei e o retardo das xeadas de setembro. Pero estas consideracións non eran tidas en conta polo santo home que en cada tempada quería que houbese máis viño para que lle chegase para todo o ano, así que a meta sempre eran máis de 365 litros como mínimo máis algún de exceso para grandes ocasións ou para tomar viño quente en épocas de gripe.
Na súa folla estatística de rexistro só anotaba litros resultantes e non quilos de uva, porque desconfiaba dos vendimadores forzados e máis un ano de mala colleita, polo que ao seguinte pensou nun novo método para incrementar o número de toneis cheos de viño.
Centos de anos antes Jethro Tull encontrouse nun problema similar como o cura de Caamouco. Mentres o inglés trala observación de que as terras podían render máis se se cultivaban mellor deulle por inventar ou perfeccionar algúns dos apeiros agrícolas, o crego galaico botou man do seu enxeño, ou malicia, e mandou aos vendimadores cantar e rezar todos xuntos en coro para que non puidesen comerlle as uvas. Porque fóra de pestes, fungos, mal tempo e outros males que afectan á vide, o santo varón concluíu que eran as persoas quen lle minguaba a produción vitivinícola.
Así que durante anos, os veciños escravos do crego apañaban as uvas a ritmo de misal e entre cánticos na honra do noso Señor, que quen os vise pensase que era xente feliz e seguidora de Deus, mentres o cura paseaba dirixindo e marcando o ritmo e coa mirada posta en que os movementos da boca fosen de cantar e non de comer. Para máis control, ordenou á súa criada que denunciase a quen non seguise a cantinela baixo pena de que naquel mesmo momento lle asinase un salvoconduto ao inferno e como o castigo aínda lle parecía pouco, convidou a unha parella de gardas civís a que viñesen unhas horas a falar con el para intimidar aos vendimadores.
Hoxe en día, a casa do crego non son máis que ruínas orixinadas na avaricia e das vides non quedan máis que restos de bacelos tirados entre silvas e toxos.

Cregos escravistas

Te puede interesar