CUBA E GUINEA

Os mandatarios españois son moi curtos de miras e teñen un horizonte aburrido, sen intereses, debido á que a estepa castelá e tan lisa e chá como as súas mentes que ao final intelixencia e chaira acaban sendo unha. Esta reflexión inicial vén ao caso do pouco interese que demostran nas relacións internacionais con seguidismo dos EUA e sempre ao lado dos ditames de Washington.
Así temos que o inimigo de Cuba se abrace con Raúl Castro sen máis problemas, mentres os dirixentes españois tanto de dereitas como de medio centro non queren pisar A Habana por medo a que lles chamen a atención desde o imperio occidental, mentres tanto a influencia da antiga metrópole vaise esfumando entre os aires caribeños.
O réxime cubano actual non durará sempre e agora, e antes tamén, é o momento de recuperar as relacións co Goberno da Habana, para estar nos mellores postos de saída cando iso ocorra e non só construíndo hoteis, porque de seguro que o resto dos países, cos estadounidenses á cabeza, xa teñen planos para desembarcar na illa industria pesada ou lixeira ou incluso na procura de man de obra cualificada.
Mentres que por aquí se mira para o chan cando a República Popular da China comunista comete barbaridades humanas tapadas de investimentos en Occidente, ao réxime castrista se lle fan embargos, cando o Goberno da Habana nunca sacou os tanques á praza da Revolución para sufocar unha protesta das Damas de Branco. Aínda máis, por aquí coñecemos a todos os disidentes cubanos, pero dos pequineses á penas dous ou tres e vía axencia internacional.
Ao final haberá un cambio na illa e os presidentes españois terán que ir por EUA a pedir permiso para instalar unha tenda de roupa ou restaurante nas rúas de Santiago. Pero aí estamos os galegos. Menos mal que Cuba sempre foi a nosa colonia e nunca perdemos a relación coa illa desde que temos autonomía, unhas veces mellor levadas e outras acometidas de forma disparatada como na época do bipartito. Ademais debería de ser obrigatorio que os presidentes galegos vaian á Habana un mínimo de dúas veces por lexislatura.
O caso habaneiro e o mesmo que acontece con Guinea Ecuatorial nas relacións internacionais. No país africano os españois perden a ocasión de establecer unha base de operacións económicas de primeiro orde. O feito de que sexa unha ditadura, como a China, tampouco é obstáculo, sobre todo porque Obiang foi posto aí polos españois, pero non o souberon mimar e caeu en mans dos franceses de maneira diplomática. Menos mal que hai galegos por alí facendo negocios. O mesmo que en Cuba, Galicia lidera os investimentos en África e no Caribe. Menos hipocrisía é o que fai falta.

CUBA E GUINEA

Te puede interesar