ELECCIÓNS EUROPEAS

Nas primeiras convocatorias para as eleccións europeas os partidos empregaban poucas enerxías e mandaban para Estrasburgo ao elementos que querían sacarse da actividade política habitual ou a calquera que lle quixesen dar un premio para que estivese contento e calado.
Se facemos un xogo de memoria, ninguén coñece a ningún eurodeputado, nin falta que fai. Recordo que nunha ocasión coincidín cun parlamentario nun aeroporto quen conversaba cun veciño que lle preguntaba se ía, como el, a ver o Real Madrid. O político díxolle que marchaba a Estrasburgo e sen pensalo o colega da infancia requiriulle información sobre o partido de fútbol que se xogaba alí. “Son parlamentario e temos pleno estes días”, aclaroulle, ante o cal o amigo afirmou que sabía que andaba metido na política, pero onde estaba. A conversa seguiu varios minutos até que o pobre deputado veuse na obriga de explicarlle ao amigo en qué consistía a eurocámara.
Ninguén sabe o que se fai no Parlamento europeo nin para que serve. As votacións que saen de Estrasburgo, máis alá de declaracións en favor da infancia, dos dereitos universais ou boas intencións xa van tomadas desde as capitais dos estados, aínda que de vez en cando, por aquí, por Galicia, vexamos na televisión a algún deputado reflexionando sobre a pesca e a continuación saia o ministro correspondente explicando que xa solucionou o asunto cunha chamada ás illas Feroes. Tampouco axuda a que se saiba o que é o sistema electoral, sobre todo cando os partidos pequenos teñen que establecer alianzas estrañas para conseguir algún deputado. Se xa era incomprensible que algúns nacionalistas galegos se aliasen con internacionalistas, algo así como unha coalición entre republicanos e monárquicos, outros optan por iren con vascos ou cataláns. Para as próximas optarán por coligarse con crimeos ou de Sardeña, país que deu nome á xarda.
Estes días falamos de José Blanco, do resto dos integrantes das listas dos partidos nin sabemos quen son, pero tampouco é preocupante nin para eles nin para nós.  O lucense caerá na carreta do esquecemento a principios de xuño, a non ser que os recordos de Guitiriz o persigan. Non sería un disparate pensar que un escano en Estrasburgo sexa algo así como unha condena política ao desterro ao estrañamento, pero en pasaxe de primeira clase, distinto a cando ían os galaicos en tren rumbo a Bremen.
En definitiva, ás eleccións europeas son como as agrarias cando un día aparece pola porta un enviado do PP ou do PSdeG preguntando polo membro familiar que está inscrito no réxime agrícola e que ten que ir votar. Así que o monta no coche e tira.

ELECCIÓNS EUROPEAS

Te puede interesar