ÉNCHAME O TANQUE

Desde hai anos a ría de Ares é o fondeadoiro obrigado para buques que espera día e hora para atracar nos portos da Coruña ou Ferrol. Ás veces até vinte mercantes están agardando ao pairo nas augas até o día e hora de iniciar a manobra para cargar ou descargar nas dársenas locais e para non perder o tempo nin aumentar gastos mentres esperan, son  reabastecidos de carburante para continuar a súa viaxe. Esta é unha operación que se realiza sen control, así que agora hai que darlle o aire legal.
O ministro Cristóbal Montoro hai tempo que prometeu eliminar os aranceis pola repostaxe aos navíos que cargaran combustible en Alxeciras para competir con Xibraltar, onde a ausencia de impostos e taxas reduce o prezo do litro de fuel. Así como o Estreito é un lugar estratéxico nas rutas marítimas, a costa galaica tamén o é, principalmente no golfo Ártrabo, así que houbo quen pensou que había nas súas augas un nicho de emprego e de riqueza establecendo unha bomba de carburante na ría de Ares para que calquera mercante fixese unha parada técnica sen pagar gastos de amarre.
Aínda non escoitei cantos centos de empregos se crearán, pero pronto se coñecerá, xa que calquera disparate vai acompañado da coñecida cifra de postos de traballo directos e indirectos, sen ter en conta o risco que supón para ese espazo ter a varios buques cargando carburante. As mentes pensantes cren que iso é o de menos, porque una ría que xa sufriu os accidentes do “Urquiola”, “Mar Exeo”, “Viking” o derrube do vertedoiro de Bens, entre outros, ademais de ser o desaugadoiro de centos de redes de sumidoiros ben pode con outras tantas toneladas de fuelóleo.
Non hai tantos anos, antes de ser a ría de Ares unha zona de aparcamento limitado, sempre había buques fondeados que aproveitaban para facer limpeza a fondo. Calquera que paseara pola praia de Seselle encontraba na area cartóns de leite chipriotas, bolsas de patacas fritas en cirílico ou botes de alcol ou cervexa de orixes diversas, pero ningunha autoridade local, que eu saiba, se preocupou do asunto até que un verán se produciu unha epidemia de urticaria entre os bañistas, que acudiron en masa á consulta médica. Así que un facultativo de Ares embarcouse nunha chalana, armado cunha cámara de fotos, e retratou un mercante que estaba vertendo ao mar quen sabe que miles de compostos químicos. Ao intervir as autoridades sanitarias, o buque levou áncoras e marchou en horas e finalizaron os escozores dos bañistas.
O malo da ría de Ares e doutras é que ao seren abertas todo desaparece e as autoridades locais están máis centradas na terra sen ter en conta que case todas viven do turismo, de aí que nin limpen as praias nin se preocupen de que fondea na costa.

ÉNCHAME O TANQUE

Te puede interesar