ENDOGAMIA OURENSÁ

Axuíza que condena a Baltar chega á conclusión de que a Deputación ourensá funciona como unha empresa privada. Isto xa o dixemos algúns cando a intitulábamos como a primeira multinacional galega, así que nada novo. Eu só engadiría o adxectivo de familiar, porque aínda que o fixo herdou do pai a presidencia do organismo provincial, dentro do seu cadro de persoal se repiten os apelidos con tal intensidade que non é a primeira vez que se producen confusións nas nóminas e o sobriño cobra a mensualidade do tío e o primo a do seu afillado. Menos mal que cunha simple reclamación todo volve á normalidade da conta corrente. Pero aínda así hai que valorar o esforzo dos encargados de tramitar ás nóminas con tan poucos erros.
Cando os nosos rapaces senten a chamada do mundo laboral, o primeiro que pensan é en ser concelleiro para lograr un escano na Deputación correspondente. Moi poucos optan polo duro esforzo de parlamentario no Hórreo, agora en mingua numérica, e moito menos polo de ir de congresista ou senador á capital do Reino, onde as estocadas por entrar son máis fortes e convén ir experimentado en batidas e monterías. Se o conxunto de seres galaicos apenas coñecemos ao presidente da Xunta e un par de conselleiros, moi poucos saben da existencia dun xefe supremo da Deputación e moito menos que haxa plenos no organismo.
A imaxe que temos do presidente da Deputación é a de unha especie de Papá Noel ou rei mago que aparace de vez en cando dando diñeiro para tal acontecemento ou inaugurando unha depuradora ou celebrando a limpeza de camiños. Do resto nin idea, a non ser algún pobre galego que viva nun concello que teña delegado o cobro de impostos no organismo, que nisto son moi vivos os alcaldes e deixan en mans do organismo provincial as malas noticias, como as taxas da rodaxe ou da recollida de lixo.
Pero en Ourense, a presidencia dos baltares converteron a Deputación en moito máis que un organismo de cobro e abono de impostos: nunha axencia de colocación, aínda que só para xente do PPdeG, o cal non é un erro, porque na provincia, excepto dous ou tres concellos, os populares non tiñan dificultades de maiorías absolutas. Se non fosen tan avarentos, seguro que con empregar a uns cantos residentes en concellos díscolos da disciplina popular todo o territorio sería dunha mesma cor. Onde traballan dous mil tamén o poden facer cinco mil, a fin de contas a endogamia económica funciona á perfección en Ourense.

ENDOGAMIA OURENSÁ

Te puede interesar