ESPECTACULARES IMAXES

Estes días atrás pasou polo Parlamento europeo unha delegación de representantes da pesca do xeito, encabezados pola eurodeputada a tempo partido do Bloque Ana Miranda, para ensinar ás euroseñorías que tal modalidade non é perigosa para a fauna submarina. Así que, para unha posta en escena de de gala levaron a Estrasburgo unha rede das empregadas na captura para que visen como era o invento que dá de comer a centos de galegos que viven do mar.
Mentres os pescadores capitaneados por Miranda falaban polos corredores da eurocámara, apareceu a figura de José Blanco, quen se cruzou cos alí presentes e no máis puro estilo galaico díxolles aos nosos bravos mariñeiros, sen pararse con eles nin un segundo: “Iso do xeito xa está amañado”. Coma quen, “non sei a que viñestes aquí, se iso xa o arranxei eu sen tanta rede nin gaitas”. O certo é que ao eurodeputado lucense non se lle coñece actividade algunha en Estrasburgo salvo o diario comunicado de prensa onde dá por solucionado grazas á súa intervención calquera problema desde os lácteos até resintonizar unha antena para ver a TDT.
Resulta chocante que Blanco pase de largo, sen apenas palabras, sobre os mariñeiros alí reunidos. Sen dúbida si que son espectaculares imaxes, case ao mesmo nivel que as andanzas de solucionador de problemas que acometeu o pequeno Nicolás, segundo di el. En todo caso, creo que é a primeira vez que vexo ao de Palas de Rei en andanzas europeas, aínda que so fose identificado pola súa voz e por un lixeiro movemento de cabeza e un saúdo coa man en plan beizón Urbi et orbe. Hai que preguntarse de novo sobre o que fan os eurodeputados de orixe galaica en terras de Carlomagno, que nin teñen un minuto para reunirse con connaturais.
Mentres se manteña a elección indirecta de representantes, calquera de nós pode verse na situación de reivindicar algún dereito ou reclamar contra unha inxustiza e non contar co deputado correspondente. Por exemplo, se Blanco fose elixido só por galaicos estaría ao servizo dos mariñeiros galegos e até lles faría de cicerone pola cidade ou, incluso, pagaría un volta de cafés. O mesmo sucedería en Madrid ou en San Caetano, cando calquera cidadán puidese falar co seu representante político máis próximo, porque o segredo do voto non provocaría que non o atendese por ser votante doutro partido distinto ao do deputado.
Nos concellos pequenos non temos ese problema, porque nos coñecemos case todos e sempre podemos ir a calquera oficina municipal, que veñen estando situadas por todo o concello en forma de tabernas, para dar queixas ou reclamar un punto de luz ao alcalde ou concelleiro que coincida no establecemento hostaleiro. Incluso hai edís que levan unha carpeta con folios para que o veciño afectado escriba a correspondente instancia para que o elector non se teña que desprazar até o concello. Isto si que é proximidade.

ESPECTACULARES IMAXES

Te puede interesar