EXILIADOS NA ALDEA

Todo apunta a que un grupo de veciños que abandonaron o seu piso céntrico ben iluminado, a escasos metros dun centro comercial, e decidiron irse a vivir á aldea quixeron levar consigo a vida urbana. Tal parece o caso da denuncia contra un gandeiro que un santiagueses cursaron polas bostas das vacas do emprendedor que lles facía a vida imposible con tales deposicións, supoño que por mancharlles as rodas dos seus coches. O asunto tería graza se non fose porque hai unha multa de por medio. Pensaba que os galaicos xa diferenciaban entre a vida urbana e aldeá, pero todo indica que non. Eu como vivo no medio rural, un exiliado da cidade, non entendo aos que se viñeron vivir entre a natureza, pero queren seguir sendo de asfalto.
Eu non teño can, só un gato que vén de vez en cando a recuperarse das súas esmorgas, pero teño veciños con cans e é coñecido que estes animais ladran, ás veces sen motivo e en horario de descanso, pois xa coñezo casos de denuncias contra os propietarios, normalmente de xente que di que se veu para aldea para levar unha vida sosegada. Tamén sei de quen en época primaveral madrugaba antes de saír o sol para espantar os paxaros e ás súas crías con distintos dispositivos da súa invención, algúns merecedores de publicarse en Science. Outros incluso ameazaron aos repartidores de pan, peixe, butano e outros produtos polo excesivo empeño que facían en notar a súa presenza a base de toques de claxon.
Para evitar isto de convivir coa natureza no medio rural xa se inventaron as urbanizacións de casas pareadas e un metro de xardín. Pero estes que se viñeron da cidade á casa familiar, que compraron e restauraron unha ou, o máis habitual, que construíron unha de formato estándar con baixo para o coche e piso superior con patín deberían quedar na cidade e non traer a cidade con eles, non vaia ser que se encontren cunha vaca, un animal con cornos e que da leite, ou unha ovella peluda, un verdadeiro mostro se está sen limpar.
Tanto parolar da vida rural, de mellorar as condicións das aldeas que largan os políticos para ao final pór unha multa a un gandeiro, pero non por sobrepasar a cota láctea senón polas bostas das vacas. Unha coña mariñeira, como diría certo rexedor e algún articulista. O único malo que ten vivir na aldea todo o ano son as gaitas e os foguetes das festas patronais que asaltan o descanso dominical en horas de descanso, pero isto é segundo teña por costume espertar cadaquén e ademais son dous días ao ano.

EXILIADOS NA ALDEA

Te puede interesar